Comeza a folga indefinida en Hiperxel
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os atrasos nos pagos e a falta de comunicación coa dirección de Xeldist, entidade de conxelados que controla a Hiperxel, provocou que este luns 24 permanezan pechados todos os establecementos desta cadea na provincia.
A folga iniciada ten carácter indefinido co obxectivo de esixir solucións a esta situación laboral.
Os representantes sindicais demandan a procura de fórmulas para evitar a liquidación da empresa que conta en Galicia con ao redor de 320 persoas empregadas, repartidas nun centenar de establecementos, tres deles situados en Pontevedra capital e un almacén de venda en Poio.
Os problemas de Hiperxel xa se iniciaron a finais de 2022 cando o persoal pasou tres meses sen cobrar a nómina.
Nesta ocasión, os traballadores, maioritariamente mulleres, demandan unha paga extraordinaria e un plus para algúns dos empregados. Durante as últimas semanas, as tendas ofreceron unha imaxe desoladora con falta de produtos nos expositores de venda.
En outubro de 2022, Free Admision SL, socia única de Xeldist Conxelados, pasaba a xestionar a Hiperxel, que xa se atopaba naquel momento a un paso da quebra, despois do período en que Vinova Investmets exerceu como propietaria levando á empresa a unha situación económica complicada, que está derivando neste conflito actual, segundo fontes sindicais.
O groso das protestas desenvolvidas por parte dos sindicatos UGT, CIG e CCOO desenvólvense na cidade de Vigo onde este luns tivo lugar unha concentración en defensa dos postos de traballo.
Relacionadas:
-
Hiperxel inicia un ERE de extinción co despedimento de todo o persoal
Por Redacción |
-
A CIG alerta da situación de emerxencia social que vive o país pola precarización laboral
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
'Paremos o saqueo', lema da CIG para a manifestación do 1º de maio reivindicando a acción sindical de "confrontación"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Convocada folga indefinida nas tendas de Hiperxel a partir do 24 de abril ante o atraso no pago dos salarios
Por Anxo Lourido |