A ciberdelincuencia redúcese nun 60% na provincia durante o primeiro trimestre do ano
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidiu a Xunta Provincial de Seguridade celebrada este venres na sede da Subdelegación do Goberno. Segundo manifestaba, rexistráronse boas cifras en materia de seguridade que ofrecen un "prudente optimismo".
Indica que as infraccións penais reducíronse entre xaneiro e marzo de 2023 ao redor do 13%, en comparación co mesmo período en 2023, sinalando que a criminalidade se sitúa en niveis moi similares aos que se detectaban antes da pandemia.
Destacou tamén o descenso do crecemento dos ciberdelitos, que aumentara de maneira progresiva ata 2022, pasando a representar un de cada tres delitos dos que se rexistraban na provincia, segundo expuxo Maica Larriba. Sinala que no primeiros tres meses do ano, estes delitos descenderon en máis dun 50% en toda Pontevedra, chegando nas principais cidades, a reducirse preto do 60%.
A subdelegada entende que este cambio relaciónase coa eficacia das campañas de prevención e información á cidadanía que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. "As persoas están cada vez máis concienciadas e toman maiores precaucións, facendo do comercio electrónico unha canle cada día máis segura", argumentou Larriba.
Tamén se detecta un lixeiro descenso entre os delitos que xeran maior sensación de inseguridade entre a cidadanía como son os roubos en vivendas, vehículos ou establecementos. Nas cidades alcanza unha baixada do 15% mentres que no rural achégase ao 26%.
Pola contra, rexístrase un lixeiro incremento dos deitos de violencia contra as persoas nos territorios da Garda Civil. En cambio, nas cidades este tipo de accións descenderon.
No municipio de Pontevedra, o total de infraccións penais baixou un 3,72%. Entre os delitos que rexistran unha maior baixada se sitúan os de lesións e malos tratos contra as persoas cun descenso en 32 puntos, xunto aos roubos con forza en vivendas e establecementos, que caen un 66% e 11% respectivamente. Os ciberdelitos redúcense na capital do Lérez a máis da metade. Mantéñense as cifras de detencións e de actas por posesión de drogas e obsérvase un pequeno incremento de furtos.
A Comisaría de Marín rexistra tamén cifras positivas, as infraccións penais ofrecen unha baixada do 26%. Con todo, preséntase un lixeiro aumento en pequenos furtos, en delitos de malos tratos rexistrándose sete neste 2023, o que supón un incremento do 16%, ao ser un máis que en 2022.
Vilagarcía de Arousa é a única cidade que ofrece resultados negativos. Aumentaron as infraccións penais nun 7%, a pesar de que os delitos cibernéticos rebaixáronse en máis dun 60%. Os pequenos furtos e danos, e os roubos en vivendas e vehículos foron os delitos cunha maior incidencia. No primeiro trimestre de 2023 denunciáronse 20 roubos máis en vehículos que no mesmo período de 2022. En todo caso, o número de detidos ascendeu nun 18% respecto ao ano pasado.
Ao encontro para analizar estes datos asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o xefe do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Juan José Díaz; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez; e responsables do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Maica Larriba valora a formación da Policía aos escolares para previlos de ciberdelitos
Por Redacción |
-
Un condutor sen carné foxe dun control en Pontevedra e acaba detido en Cangas dando positivo en alcol e drogas
Por Redacción |
-
Detido un veciño de Sanxenxo por varios roubos en Noalla en marzo
Por Redacción |
-
Un pontevedrés, investigado nunha operación da Garda Civil por delitos contra a saúde pública, estafa e furto
Por Redacción |
-
Unha operación policial saca do mercado 24,5 quilos de heroína que alcanzarían os 1,5 millóns
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía Nacional inaugura unha serie de charlas sobre ciberdelincuencia en empresas do porto de Marín
Por Redacción |
-
Resolven unha estafa de falsos seguros de coche a través de internet con vítimas en Marín
Por Redacción |