Detido un veciño de Sanxenxo por varios roubos en Noalla en marzo
Por Redacción
A Garda Civil de Sanxenxo detivo un veciño da localidade como presunto autor de varios delitos de roubo cometidos na parroquia de Noalla a finais de marzo.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, trátase dun home de 48 anos con numerosos antecedentes policiais ao que atribúen varios roubos no interior de vivendas e a subtracción dun ciclomotor noutra vivenda.
As pescudas iniciáronse por mor das denuncias interpostas por varios propietarios das vivendas.
Nunha delas o detido, tras forzar unha xanela de acceso ao inmoble, apoderouse de diversas xoias e diñeiro en efectivo e vendeunas en xoierías da localidade, sendo detectado a través do control de vendas en establecementos de segunda man.
Noutra das vivendas asaltadas causou danos no muro de peche perimetral e na xanela de acceso e finalmente non logrou entrar.
Nun terceiro inmoble apoderouse dun ciclomotor Vespa valorado en 2.000 euros. Cambioulle a cor para evitar ser detectado e causoulle danos de consideración.
As xestións practicadas polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Sanxenxo permitiron centrar as sospeitas nun veciño do lugar, ao que lle foi intervido parte do botín subtraído nunha das vivendas. Tamén se logrou recuperar o ciclomotor subtraído.
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Garda de Cambados.
Relacionadas:
-
Incorpóranse 15 auxiliares da Policía Local para reforzar a seguridade estival en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Detida por "limpar" máis de 70 xoias de ouro nos domicilios onde traballaba
Por Redacción |
-
A ciberdelincuencia redúcese nun 60% na provincia durante o primeiro trimestre do ano
Por Redacción |