Homenaxe á investigadora cotobadesa Belén Riveiro
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade brindará un acto de homenaxe á investigadora local e profesora universitaria Belén Riveiro Rodríguez. Será este sábado 15 de abril, ás once da mañá, no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo.
Belén Riveiro foi galardoada co Premio Nacional de Investigación "Maltilde Ucelay" convocado polo Ministerio de Ciencia e Innovación para distinguir o mérito dos investigadores menores de 40 anos.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, expresou o "orgullo" de todo o municipio porque a súa veciña lograse esta distinción, á vez que sinalou que isto "vén recoñecer que non hai límites e que persoas de concellos modestos como o noso teñen un talento e alcanzan un recoñecemento tan importante en campos tan estratéxicos como a investigación o que vén demostrar que somos unha potencia e que contamos con persoas con gran potencialidade como Belén Riveiro que é todo un orgullo para o noso municipio”, indicou o alcalde.
Belen Riveiro é investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, o Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo. Ademais, é profesora da Escola de Enxeñería Industrial, acreditada a catedrática desde 2021.
Os principais logros da carreira investigadora de Riveiro están relacionados coa mellora da resiliencia das infraestruturas do transporte a eventos extremos, onde liderou diferentes proxectos competitivos, tanto de ámbito internacional como nacional, cun financiamento captado que supera os 5 millóns de euros.
En 2017 a Real Academia de Enxeñería outorgoulle a Medalla Juan López Peñalver.
Riveiro Rodríguez mantén colaboracións con investigadores de recoñecido prestixio a nivel internacional, sobre todo a través de estancias posdoctorales en diferentes universidades, entre elas a University of Cambridge e a Delft University of Technology, un dos centros de ensino superior máis importantes dos Países Baixos. Como resultado da súa investigación publicou xa máis de 80 artigos en revistas indexadas en Scopus, con 106 coautores, 44 deles internacionais, e desde 2015 dirixiu sete tese de doutoramento.
Esta intensa actividade investigadora trasládase tamén ao campo da transferencia, sendo coautora de sete patentes, tres delas licenciadas a empresas.
Relacionadas:
-
Homenaxe á cotobadesa Belén Riveiro, galardoada co Premio Nacional de Investigación 'Matilde Ucelay'
Por Redacción |
-
A enxeñeira cotobadense Belén Riveiro recolle un dos Premios Nacionais de Investigación 2022
Por Redacción |
-
A investigadora marinense Mercedes Solla obtén unha prestixiosa Beca Leonardo da Fundación BBVA
Por Redacción |
-
Unha investigadora de Cerdedo-Cotobade, premiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación
Por Redacción |