O aparcamento do porto deportivo de Sanxenxo bateu o récord de recadación en Semana Santa
Por Redacción
A elevada cifra de visitantes de Sanxenxo durante esta Semana Santa traduciuse en cifras récord ata o de agora nunca logradas neste período vacacional para o aparcamento público de Nauta situado no porto deportivo.
En total recadáronse 26.188 euros e emitíronse 6.428 tickets. Os días de maior facturación foron o Xoves Santo, Venres Santo e o sábado, xornadas nas que se roldaron os 6.000 euros. A mellor Semana Santa en facturación ata o momento foi a de 2022 con 24.238 euros na que xa se superou a cifra de 2019, 20.198 euros.
Cabe lembrar que, ante a previsión de afluencia de visitantes, Nauta apertura tamén a planta de arriba como estacionamento con 200 prazas. A media diaria de tickets expendidos no interior foi de 918 e no exterior, de 142. En canto á permanencia media, roldou as dúas horas e media.
As instalacións dispoñen dun total de 584 prazas repartidas en 206 na planta pública interior, 200 na exterior e outras 178 prazas no aparcadoiro privado.
O estacionamento de Nauta conseguiu estes resultados, a pesar de que no municipio atópanse habilitadas sete parcelas para aparcamentos disuasorios.
Hai dous en Rúa Progreso, un con capacidade para 72 vehículos na confluencia con Cesteiros, e outro, á altura da nova rotonda, para 240 coches; a bolsa de aparcamento de detrás da igrexa do Templo Novo con 153 prazas; outro en Constitución con 20 prazas; o que se atopa nunha parcela de O Tombo na que poden estacionar ata 240 vehículos; o da Rúa Vigo con 120 prazas e o da parcela do vello mercado con espazo para aparcar 30 coches.
Doutra banda, o balizamento instalado xa en catro praias de Sanxenxo (Silgar, Panadeira, Canelas e Caneliñas) continuará ata a tempada de verán cando se reforzará con corcheras. Uns elementos que nesta época non se puideron colocar porque non resistirían debido ás condicións do mar.