Dúas novas motocicletas lixeiras e de baixo consumo incorpóranse ao parque móbil da Policía Local
Dúas novas motocicletas súmanse ao parque móbil da Policía Local de Pontevedra. Este xoves eran presentadas por Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, na praza de Ourense.
A responsable municipal explicou que esta adquisición se debe á necesidade de renovar de maneira periódica os vehículos deste servizo. "Algunhas motos comezaban a estar xa antigas, polo que decidímonos optar por estes dous modelos que se fabrican en Barcelona", explicou Vilaverde durante a presentación.
As principais características destes vehículos atópanse nun peso lixeiro e unha maior versatilidade para traballar en distintos espazos. "Teñen uns consumos enerxéticos mínimos", apuntou a concelleira, "tanto no que ten que ver co combustible como coas luces, que incorporan tecnoloxía LED, facendo que o consumo eléctrico sexa moi baixo".
Ademais son modelos cun centro de gravidade máis baixo, de maneira que permite unha postura máis cómoda e máis segura para a condución dos axentes.
Os dous vehículos foron adquiridos tras realizar un investimento municipal próximo aos 18.000 euros e contan con novos cascos de protección con melloras na subida da visera.
O parque móbil da Policía Local suma, con estas incorporacións, 18 motocicletas, segundo explicou Eva Vilaverde e estes dous modelos xa están operativos desde esta semana.
Relacionadas:
-
Localizado un condutor que se deu á fuga tras ter un accidente en Virxinia Pereira
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Dá positivo en alcohol tras impactar con tres vehículos aparcados en Eduardo Pondal
Por Anxo Lourido |
-
Detido o responsable dun punto negro de venda de droga tras unha fuxida en moto por varias rúas de Pontevedra
Por Natalia Puga |