Detido o responsable dun punto negro de venda de droga tras unha fuxida en moto por varias rúas de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo un mozo pontevedrés de 29 anos como presunto responsable dun punto negro de venda polo miúdo de haxix, marihuana e cocaína no centro da cidade. O arresto produciuse despois dunha fuxida na que o sospeitoso, para tentar evitar aos policías, realizou unha condución temeraria a toda velocidade por distintas rúas.
Ademais de desarticular o punto negro de venda de droga, atribúenlle ao seu presunto responsable, que ten 29 anos e antecedentes policiais, un delito contra a saúde pública e outro contra a seguridade viaria.
A detención foi obra do Grupo de Prevención da Delincuencia da Brigada de Seguridade Cidadá de Pontevedra, os coñecidos como 'Linces'. Froito dunha investigación que se iniciou por mor das informacións recibidas doutras unidades da Comisaría Provincial, realizaron unha operación na que confirmaron que nun punto da cidade vendíase droga polo miúdo cunha continua trasfega de persoas.
Os axentes lograron demostrar varias vendas de pequenas cantidades de haxix, marihuana e cocaína a outros tantos compradores e, tras un novo intercambio, tiñan intención de identificar o sospeitoso, pero este emprendeu a fuxida.
En concreto, os policías observaron un intercambio con outro mozo, presenciando como unha extraía unha bolsa que levaba nun peto do pantalón e o outro lle entregaba o diñeiro. O presunto vendedor chegara á cita co comprador en motocicleta e, ao decatarse da presenza policial, emprendeu a fuxida acelerando a toda velocidade.
Os axentes saíron tras el no seu vehículo e viron que efectuaba varios xiros indebidos coa motocicleta, circulaba pola beirarrúa e saltábase varios pasos de peóns, co correspondente risco para os viandantes.
Finalmente, lograron localizalo e comprobaron que a motocicleta non dispoñía de seguro obrigatorio e o individuo carecía de permiso de conducir, polo que lle atribúen un delito contra a seguridade viaria.
Nun cacheo de seguridade, os axentes interviñéronlle ao comprador un envoltorio plástico con 1,3 gramos dunha substancia branca que, a falta das análises finais, sería cocaína. Ao suposto vendedor interviñéronlle 2 anacos dunha substancia que podería ser haxix cun peso de 3,2 gramos, outros 1,1 gramos de marihuana e 715 euros en metálico fraccionados en billetes pequenos.