Turismo de Galicia propón once rutas polas mellores paisaxes do litoral galego
Por Redacción
A Semana Santa é unha tempada na que moitos galegos aproveitan para facer pequenos desprazamentos e descubrir lugares de Galicia. Para facilitar a planificación da viaxe, a Axencia Turismo de Galicia – Xunta de Galicia edita a guía 'Escenarios ao volante', na que se recolle unha detallada oferta de produtos turísticos.
"Cada viaxe é un proceso único e persoal. As sensacións que a cada un lle transmitan estas paisaxes serán tamén exclusivas", lese na presentación desta guía.
Os destinos turísticos son variados e amplos, entre eles as 25 rutas insólitas polas mellores paisaxes de Galicia, que ninguén se pode perder.
Galicia é rica en paisaxe, e os percorridos que se marcan nesta publicación son unha invitación a desvelar os seus segredos.
As 25 rutas son un camiño iniciático a unha realidade complexa e viva, na que sempre haberá oportunidades para descubrir unha ruta número 26.
A guía de Turismo de Galicia divide estas paisaxes entre aquelas de discorren á beira do Mar infinito e as que atravesan Vales, ríos e montañas.
Detémonos nas rutas que bordean a costa, dende Ribadeo ata o Baixo Miño, empezando no Cantábrico e continuando pola fachada atlántica. Un total de once propostas que combinan paisaxes inesquecibles con vilas mariñeiras senlleiras.
ONCE RUTAS POLO MAR INFINITO
RUTA 1 – De Ribadeo ao Pico da Frouxeira... polas catedrais do Cantábrico: O litoral de Ribadeo e Barreiros é a liña principal deste itinerario que transcorre entre suaves areais e cantís de formas caprichosas. Pero a beleza da costa non é o único valor deste percorrido, xa que conta ademais cun rico patrimonio e a presenza de vilas senlleiras como Rinlo e Ribadeo.
RUTA 2 – Do Porto de Espasante ao Faro de Estaca de Bares... cantís, portos e luz: O litoral de Ortigueira e Mañón presenta algúns dos cantís máis impresionantes de Galicia. Praias de mar aberto, miradoiros naturais, patrimonio e vilas nun percorrido polas paisaxes costeiras do norte de Galicia. Loiba, no concello de Ortigueira, presume de "o mellor banco do mundo".
RUTA 3 – De Cedeira a cabo Ortegal... os miradoiros ao norte do norte: O percorrido entre Cedeira e cabo Ortegal condensa, en pouco máis de 20 quilómetros, todo un amplo mostrario dos valores paisaxísticos e etnográficos da costa galega. Un itinerario que, en moitos dos seus tramos, é un miradoiro continuo sobre o océano Atlántico, transitando por algúns dos cantís de maior altitude da Europa continental.
RUTA 4 – Do castelo da Palma ao castelo da Nogueirosa... por terras do Golfo Ártabro: Ao contrario do que afirma o dito, paga moito a pena parar en Ares, quedarse en Redes e visitar o resto da contorna. O Golfo Ártabro é unha das zonas de Galicia de maior densidade de poboación, contando con destacadas vilas como Mugardos, Ares ou Pontedeume, onde se pode gozar das súas tranquilas praias.
RUTA 5 – Do faro de Laxe á punta do Roncudo... mareas vivas na ría de Corme e Laxe: Laxe e Corme míranse na distancia. Esta ruta une por terra o que separa o mar. Co esteiro do río Anllóns como punto intermedio e o monte Branco como continua referencia visual, o percorrido entre os faros de Laxe e o Roncudo permitiranos gozar de diversas perspectivas dunha ría pequena en tamaño pero grande en fermosura.
RUTA 6 – Circular de Camariñas... camiños da Costa da Morte: A mítica Costa da Morte recolle toda a forza do océano Atlántico dándolle diversas formas e matices. A ruta circular con comezo e final en Camariñas achega ao viaxeiro a vilas costeiras, paisaxes litorais, dunas, cabos e areais, reflexo de historias de mariñeiros, temporais e fareiros.
RUTA 7 – Do faro de Fisterra ao miradoiro do Ézaro... da fin do mundo ao olimpo céltico: Fisterra representa ese lugar extremo no que a terra remata. Tamén é o inicio dunha fermosa ruta que bordea o litoral, pasando por lugares míticos da Costa da Morte: Corcubión, Cee, a fervenza do Xallas… e un espectacular final no miradoiro do Ézaro, a carón do monte Pindo.
RUTA 8 – Do faro de Corrubedo ao monte Enxa... dunas de Corrubedo, areais de Porto do Son: A contorna de Corrubedo, famosa pola súa duna singular, e toda a costa bravía son un dos tramos litorais mellor conservados de Galicia con extensos areais, sistemas dunares e montes próximos dende os que contemplar quilómetros de beleza atlántica en estado puro.
RUTA 9 – Do cabo Udra ao cabo Home... polos cabos do Morrazo: A ruta entre cabos conecta os espazos naturais do extremo sur da ría de Pontevedra cos do extremo norte da ría de Vigo. O percorrido pola fachada continental atlántica da península do Morrazo non perde de vista o Parque Nacional das Illas Atlánticas e, entre medias, un fantástico itinerario costeiro que inclúe a ría de Aldán.
RUTA 10 – Do monte Cepudo ao monte Aloia... de Vigo a Tui pola serra do Galiñeiro: Na contorna da ría de Vigo, diversos miradoiros naturais ofrecen excelentes vistas panorámicas do litoral e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Bordeando a ría, o monte Cepudo é o punto de inicio dun percorrido cara ao Parque Natural Monte Aloia a través da sorprendente serra do Galiñeiro, que conecta as Rías Baixas co Baixo Miño.
RUTA 11 – De Baiona a Santa Trega... a costa sur: O percorrido pola costa sur de Galicia permite transitar por un tramo litoral único, sen as habituais rías, enseadas e recortes. A estrada que une Baiona e A Guarda é un dos itinerarios paisaxísticos máis fermosos da costa galega: unha longa beiramar rectilínea que descende de norte a sur coa compaña da sorprendente serra da Groba.
Relacionadas:
-
A Xunta licita obras de acondicionamento na illa de Ons por 1,8 millóns de euros
Por Redacción |
-
As Illas Atlánticas dán a benvida ao turismo, sempre que sexa "sostible e responsable"
Por Oskar Viéitez |
-
Nove fervenzas para descubrir esta Semana Santa
Por Redacción |
-
Unha guía e unha app para percorrer todos os sendeiros homologados de Galicia
Por Redacción |
-
O primeiro centro BTT de Galicia atópase no Salnés
Por Redacción |