Chega a primavera con inestabilidade e probables borrascas nas Rías Baixas a partir do xoves
Por Redacción
Este luns 20 de marzo chega a primavera, que durará 92 días e 18 horas. A súa aparición prodúcese baixo a influencia anticiclónica transitoria nas Rías Baixas. O ceo permanecerá con alternancia de nubes e claros coa presenza de máis nebulosidade na segunda metade da xornada coa entrada de precipitacións intermitentes no noroeste de Galicia debido á entrada dunha fronte pouca activa. As temperaturas mínimas sitúanse en 7 graos, mentres que as máximas ascenden lixeiramente para alcanzar os 20 graos. O vento soprará frouxo do suroeste, segundo o servizo de Meteogalicia.
A xornada do martes 21 apenas presentará novidades. O ceo permanecerá nubrado na zona oeste con temperaturas mínimas que experimentarán un lixeiro ascenso establecéndose nos 10 graos. As máximas descenderán rebaixándose aos 17. O vento seguirá soprando frouxo de suroeste.
Xa o mércores producirase unha chegada dunha fronte fría procedente do Océano Atlántico. O ceo manterase cuberto no litoral oeste de Galicia con precipitacións que se iniciarán no noroeste da comunidade e iranse expandindo ao longo da noite. Os ventos soprarán do suroeste con temperaturas entre 10 e 16 graos.
A probabilidade de choiva aumentará a partir do xoves 23 debido á chegada de varias frontes asociadas ás borrascas atlánticas. As temperaturas manteranse sen grandes cambios oscilando entre os 8 e os 15 graos nas Rías Baixas.