Imputan a dous veciños de Moraña roubo de fío de cobre na Estrada, Cerdedo, Caldas e Cuntis
Por Redacción
Dous veciños de Moraña, MA.R.A., de 27 anos de idade e M.C.H., de 23, foron detidos pola Garda Civil como supostos autores de varios roubos de fío de cobre telefónico en varios municipios do norte da provincia. A súa detención produciuse despois de que esta madrugada o cuartel da Estrada fose alertado de que a liña telefónica deixara de funcionar en distintos lugares de dito municipio.
Sobre as 01.30 horas, unha patrulla da Garda Civil sorprendeu aos dous detidos roubando cable de cobre. Tras ver aos axentes déronse á fuga nun Citroën ZX, pero tras sufrir un accidente continuaron coa súa fuxida a pé. A partir de aí montouse un operativo para localizalos e detivéronos unha hora máis tarde. Circulaban nun Opel Vectra que terían collido durante a súa fuga.
Impútaselles un delito continuado de roubo de cobre con escalo, un delito de danos e un delito de estragos. No rexistro practicado ao turismo accidentado localizáronse 110 metros de cable de cobre e diversas ferramentas supuestamente utilizadas para realizar estes feitos delituosos.
A raíz destas detencións, a investigación da Garda Civil logrou constatar que estas dúas persoas terían participado noutros tres delitos das mesmas características na Estrada, outros tres en Cerdedo, un en Caldas de Reis e outros aínda non cuantificados en Cuntis. En total, o material substraído podería roldar os 800 metros de cable de cobre que poderían conlevar uns 13.800 euros de gastos para a súa reposición.
Os detidos, que contan con antecedentes policiais, serán postos a disposición do Xulgado de Instrución número 2 da Estrada.