Un cento de condutores acabaron no xulgado en 2022 por alcoholemia positiva
Por Natalia Puga
Durante o ano 2022, un cento de condutores acabaron denunciados pola vía xudicial tras ser detectados conducindo baixo os efectos do alcol polas rúas de Pontevedra. Foron, en concreto, 99, dos que 78 foron detectados en controis dinámicos e outros 21 en controis estáticos da Policía Local.
Así figura na memoria anual de actividade da Policía Local de Pontevedra, que recolle que o ano pasado se detectaron 320 positivos nas rúas pontevedreses e os 221 restantes, polo resultado da proba, foron denunciados pola vía administrativa. Do total de 320 positivos, 210 foron en controis dinámicos e 110 en controis estáticos.
En canto aos condutores denunciados pola vía penal, houbo outros dous denunciados por positivo en drogas e, en total, os delitos por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas ou de drogas foron o ano pasado o 52 % do total dos delitos contra a seguridade viaria denunciados pola Policía Local. ´
Tamén segundo eses mesmos datos, o 90% dos denunciados foron por homes e o 10 % mulleres e destacan os positivos que acaban no xulgado en condutores novos. Así, o 41% tiñan entre 35 e 39 anos
O 15% dos denunciados deron unha taxa de alcol en litro de aire expirado superior a 1. A taxa mais alta detectada 1.29 mg/l. Detectouse a un home de 60 anos na rúa Marqués de Valterra no mes de marzo.
Segundo a memoria policial anual, o 85% dos positivos detectáronse os venres ou durante a fin de semana. Durante as xornadas do sábado e do domingo, ademais, a porcentaxe de positivos nos controis estáticos realizados pola Policía Local é máis elevada que durante o resto da semana, sendo o luns e o xoves os días con menos condutores infractores.
Esta porcentaxe maior de infractores tamén está relacionada cuns días nos que se fan o maior número de probas, pois a maioría dos controis realízanse durante as fins de semana e vésperas de festivos, e especialmente en horarios nocturnos.
Por meses, o ano pasado xullo, agosto e outubro foron os momentos do ano nos que se detectaron maior porcentaxe de positivos, 0,74%, 0,69 e 0,85%, respectivamente.
Os controis da Policía Local non se realizan sempre nos mesmos puntos, pero a zona de Beiramar é a área da cidade na que máis probas se realizan. Entre todas as rúas pegadas ao río Lérez, en 2022 a avenida de Bos Aires foi o punto máis elixido polos policías pontevedreses para parar aos condutores e determinar se ían bébedos ao volante.
En 2022 realizáronse na avenida de Bos Aires un total de 37 controis estáticos e 3.560 probas, dando positivo 23 condutores, o 0,65% do total. 15 foron denunciados pola vía administrativa e 8 no xulgado. A avenida de Compostela e a autovía de Marín foron as seguintes vías nas que se realizaron máis controis.
Tamén por rúas, Sagasta, no centro de Pontevedra, é o punto de Pontevedra con maior porcentaxe de positivos detectados durante o ano 2022. Así fíxose un só control con 10 probas e deron positivo dous condutores, isto é, o 20%.
OITO ANOS POR DEBAIXO DO 1%
Durante o ano 2022, e por oitavo ano consecutivo, a porcentaxe de condutores que dan positivo na proba de alcoholemia nos controis estáticos realizados pola Policía Local sitúase por debaixo do 1% dos test realizados no termo municipal de Pontevedra.
Durante o ano pasado se realizaron máis probas que nos últimos anos, pero a porcentaxe de condutores infractores que conducían dando positivo é inferior á media, aínda que lixeiramente superior aos dous anos da última década con menor cantidade de denuncias, 2018 e 2021.
Segundo as estatísticas oficiais, en 2022 a Policía Local realizou 220 controis estáticos cun total de 2.138 probas e deron positivo 110 condutores, o 0,51% do total. En 2021, a porcentaxe fora do 0,47% e en 2018 baixara ao 0,34%, pero o resto dos anos da última década tiveran uns resultados moito máis preocupantes.
Así, en 2012, hai dez anos, deran positivo o 3,29% das persoas sometidas ao test e ao ano seguinte, en 2013, foran o 1,85%. A partir deste ano, os datos empezaron a baixar e 2014 foi o último ano con máis do 1% de positivos, en concreto, o 1,05%.
En canto ao número de probas realizadas, tan só no período 2012-2014 se realizaron máis que en 2022. Foron, en concreto, 5.501 probas con 181 positivos en 2012; 7.710 probas con 143 positivos en 2013; e 9.744 con 102 positivos en 2014.
O ano anterior, 2021, houbera 189 controis e 1.890 probas e en 2020, ano marcado polo confinamento derivado da pandemia, foran tan só 99 controis con 858 probas. Aquel ano, pese a ser moitas menos probas, houbera unha porcentaxe de positivos superior, do 0,62%.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Dá positivo en alcohol tras impactar con tres vehículos aparcados en Eduardo Pondal
Por Anxo Lourido |
-
Medran as persoas que conducen sen carné, a maioría porque perderon todos os puntos
Por Natalia Puga |
-
Menos do 1% dos test de alcohol realizados pola Policía Local deron positivo
Por Redacción |
-
O xesto bondadoso dunha pontevedresa repórtalle 500 euros catro anos despois
Por Almu Dapena |
-
Pontevedra mantivo o pasado ano o número de casos de violencia de Xénero segundo a Memoria de actuacións da Policía Local
Por Oskar Viéitez |
-
Nove de cada dez vítimas de accidentes en Pontevedra durante 2021 sufriron feridas leves
Por Alejandro Espiño |