O educador caninoDiego Álvarez inicia nova tempada de Podcans e trae no regreso un avance dos interesantísimos contidos que irán sucedéndose nos próximos capítulos de periodicidade quincenal. Hai cuestións importantes nas que seguirá incidindo como os sinais de calma, o estrés, a dominancia, a alimentación, ou a disfunción cognitivia e introducirá outras que aínda non se tocaron nos programas emitidos como a hixiene do can, primeiros auxilios ao can, a relación entre can e veterinario ou a nova Lei de Protección Animal.
Tamén están previstas xa entrevistas con persoas que traballan en educación canina e con terapias alternativas como é a acupuntura en cans que como avanza "están a mostrar resultados espectaculares"; ou o main training con cans detectores. De igual forma abordará terapias non só beneficiosas para estes animais, senón tamén beneficiosas para persoas con estes animais como son as intervencións asistidas.
Ademais, dada a súa experiencia diaria como educador haberá oco en todos os programas para "xerar calma nos cans. É fundamental. Sobreexcitamos en exceso aos cans, facemos actividades que non só non son beneficiosas, senón que son prexudiciais, non pola actividade en si, senón por como xestionamos a actividade".
Tampouco faltarán as seccións que xa ofrecía nas tempadas anteriores dando conta de cursos, webinars e convocatorias interesantes; a correspondente a adopcións (neste caso a imaxe non é dun can que require adopción, senón de Karma, a cadela de Diego Álvarez) e as recomendacións de libros ou vídeos de interese. Para calquera dúbida ou consulta segue operativo o correo electrónico podcans@gmail.com
Na ligazón que se adxunta pódese escoitar o podcast completo con máis detalles, ou tamén se pode descargar na web de PontevedraViva Radio.