A toda mecha en Gambasse coas zapatillas doadas desde Pontevedra
Por Redacción
As zapatillas deportivas doadas no marco da iniciativa solidaria 'Pontevedra Corre X Guinea' xa están no seu destino final, Gambasse, e os seus novos donos empezaron a usalas.
A principios de febreiro, 1.051 zapatillas comezaron a súa viaxe desde Pontevedra cara a Guinea e os impulsores da acción confirmaron este martes que xa están nesta zona rural do país africano e empezaron a ser repartidas.
A ONG Silo Gambasse empezou a repartición entregando os primeiros pares de zapatillas aos nenos e nenas con menos recursos, cuxos ingresos familiares totais son menores a cinco euros ao mes.
Os seguintes na lista de repartición foron os gañadores da carreira que todos os anos organiza a ONG en Gambasse, a poboación onde está o colexio onde todos estes nenos están escolarizados.
Desde 'Pontevedra Corre X Guinea' sosteñen que o proxecto "segue moi vivo e non se acabou cando as zapatillas saíron de Pontevedra".
Ademais, avanzan que están a traballar xa na seguinte edición, que están convencidos de que "estará cargada de solidariedade e dunha aposta firme por un mundo mellor".
A poboación de Pontevedra envorcouse durante os últimos meses con esta iniciativa, que superou todas as expectativas dos organizadores. Ademais, o seu espírito solidario chegou mesmo desde fóra da cidade e recibiron zapatillas de Madrid, de Ciudad Real e de distintas partes de Galicia.
O equipo de 'Pontevedra Corre X Guinea' realizou un primeiro filtro para quitar todas aquelas que non reunían as condicións para envialas e un segundo filtro con aquelas que estaban ben, pero non eran adecuadas para o clima deste país africano, como as de inverno, por exemplo. A principios de febreiro, tras presentalas na praza da Peregrina, o material partiu destino Barcelona, desde onde a ONG coa que colaboran fixo un envío con destino a Guinea.
Relacionadas:
-
A solidariedade pontevedresa supera todas as expectativas e envía 1.051 zapatillas con 'Pontevedra Corre X Guinea'
Por Natalia Puga |
-
A comunidade educativa volve envorcarse pola paz e contra a violencia
Por Redacción |
-
Organizan en Pontevedra unha recollida solidaria de zapatillas de running para enviar a unha zona rural de Guinea Bissau
Por Redacción |