As Escolas Deportivas de Cerdedo-Cotobade terán o "apoio total" do Concello
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro de Deportes, Bruno Portela, reuniuse este venres cos directivos das Escolas Deportivas, Rosa Pérez e Marcos Gallego, para informarlles que seguirá mantendo o apoio institucional para promover a práctica do deporte base entre os nenos e nenas da veciñanza".
Cubela explicoulles que o Concello contempla para este ano nos orzamentos municipais unha partida específica para apoiar o labor das asociacións e entidades locais, veciñais, culturais e deportivas para impulsar o traballo que estas asociacións realizan a prol da dinamización social.
No transcurso da xuntanza, Jorge Cubela profundizou na necesidade de establecer fórmulas de colaboración coas Escolas Deportivas para sacarlle o maior partido ao campo de fútbol das Extremas, espazo municipal onde adestra o deporte de base. Tamén se comprometeu a facer melloras nas instalacións municipais do campo e recordou que "remodelar o campo de fútbol e dotalo de herba artificial foi un dos nosos compromisos cando chegamos ao Concello e continuaremos pola senda de seguir mellorando este espazo deportivo para favorecer a práctica do deporte e o traballo das Escolas".
Agradeceu tamén aos membros da directiva o seu "impagable" labor que desenvolver a prol do deporte base e o fomento das prácticas saudables entre a mocidade así como polo dinamismo que imprimen. "É un orgullo para todos nós ver como nenos e nenas enchen o campo de fútbol, divírtense e fórmanse como persoas co deporte, o compañeirismo e as prácticas saudables como guía fundamental do seu comportamento", indicou.
Finalmente, Cubela animounos a seguir pola mesma senda de traballo e colaboración e comprometeuse a apoiar ao máximo, dentro das posibilidades do Concello, para que as Escolas Deportivas acaden os seus obxectivos formativos e de fomento da práctica deportiva entre a mocidade.