Máis de 35.000 euros de investimento para a renovación paisaxística da Praza da Ferrería
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pon en marcha a renovación paisaxística da Praza da Ferrería, destinando un total de 35.000 euros e centrando o seu traballo nos Xardíns de Casto Sampedro e na Praza da Estrela. O proxecto foi encargado á empresa Troquiña S.L., e a obra permitirá un aforro de entre un 50 e un 80% de auga grazas ao novo sistema de rega.
Así o comunicaba Iván Puentes, concelleiro encargado de impulsar esta iniciativa. Tal e como informaba Puentes, "o proxecto implica a transformación cara a unha xardinería máis sostible, introducindo criterios de eficiencia e aforro no consumo de auga".
As previsións por parte do Concello indican que a intervención vaise levar a cabo nun prazo máximo de tres semanas.
En canto á parte estética, a intención é crear unha composición con variación cromática que mestura plantas vivaces, perennes e de tempada. Con isto preténdese ter floración durante todas as estacións do ano.
O edil explicaba que "a parte máis elevada destes macizos estará presidida por especies rechamantes, que teñen follas semellantes ás das palmeiras e que xa empregamos nas medianeiras da avenida de Bos Aires".
As plantas ordenaranse seguindo criterios de tamaño, forma e cor, respectando sempre a presenza dos exemplares de camelia existente nestes xardíns debido ao seu gran valor. En canto á Praza da Estrela, o proxecto contempla seguir uns criterios similares, substituíndo a totalidade do céspede por diversas plantas de flor perenne acompañada por plantas con folla de tempada.
Para acabar, o concelleiro socialista aclaraba que "aquí buscaremos unha floración que sexa predominante en tons brancos e suaves. Os tons brancos servirán para potenciar a sensación de serenidade, ideal para unha zona de descanso como esta, presidida por veladores e situada nunha cota inferior ao Paseo de Antonio Odriozola".
Desde o Concello apuntan que esta renovación supón dar un paso adiante na mellora da sostibilidade da cidade, seguindo os criterios marcados pola estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, ou do novo contrato de Parques e Xardíns.