Sabías que a verza galega, esa que fundamentalmente se utiliza para dar para comer aos animais, pode considerarse un superalimento?. Sábeno os participantes no proxecto 'Biomisión: a cociñar tesouros' e por evidencias como esta, é máis que xustificado que a iniciativa leve un nome así.
Investigadores, os da Misión Biolóxica de Galicia - con sede en Salcedo, Pontevedra -, produtores agroalimentarios como Antonio Cavada ( El Calabacín Rojo), docentes como Ricardo Fernández, profesor de Cociña no CIFP Carlos Oroza; e cociñeiros como Javier Olleros (Culler de Pau) levan tempo participando nesta iniciativa colaborativa que hai dous meses presentaba a súa parte divulgativa.
A proposta, que nos ocupa nestas 'Conversas na Ferrería', trata de rastrexabilidade de alimentos, exemplifica o que se denomina produto de quilómetro cero, pon en valor o autóctono e tamén o traballo de colaboración de diferentes profesionais desde un punto de partida: o banco de sementes da Misión Biolóxica.
Pedro Peón, promotor de 'Biomisión' e responsable da Unidade de Proxectos I+D+I da MBG; detalla ademais a ampliación do concurso de vídeo e fotografía en redes sociais que se iniciou o pasado novembro. Podes escoitar ou descargar o podcast na ligazón que se adxunta a esta información.