Catro detidos como sospeitosos de dous puntos de venda de droga que causaban malestar cidadán en Pontevedra
Por Natalia Puga
Unha operación conxunta das policías Nacional e Local de Pontevedra permitiu desarticular dous puntos de venda e distribución de droga polo miúdo na cidade e deter aos seus catro responsables.
Segundo confirmaron fontes policiais, a operación, bautizada 'Pang', comezou como resultado dunha serie de informacións e queixas veciñais que chegaron a través das canles de comunicación existentes coa cidadanía.
Así, desde as dúas policías pontevedresas destacan a importancia da colaboración cidadá e a coordinación entre ambos os corpos e tamén que esta operación permitiron desmantelar dous puntos de venda de droga que "estaban a ocasionar malestar aos cidadáns".
Aí comezou unha investigación que implicou ao grupo SAI da Policía Local e a dúas unidades da Policía Nacional, o grupo de prevención da delincuencia -os 'linces'- e a Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco).
Os policías realizaron de maneira coordinada unha serie de actuacións e lograron determinar a identidade das persoas responsables destes dous puntos de venda polo miúdo na cidade e tamén o lugar exacto onde se preparaban, ocultaban e distribuían as sustancias estupefacientes.
Segundo puideron comprobar os policías, tiñan unha ampla variedade de drogas ao servizo dos seus compradores: cocaína, heroína, haxix e marihuana.
Como colofón da investigación, e con autorización xudicial, o mércores 25 de xaneiro o equipo conxunto de investigación detivo a catro persoas e levou a cabo o rexistro de dous domicilios en diferentes zonas da cidade.
Nos rexistros interviñéronse 50 gramos cocaína, varias doses de heroína, 200 gramos de haxix e varias doses de marihuana, ademais de diñeiro fraccionado e útiles para a elaboración das diferentes doses.