O Porto de Marín da luz verde á prolongación do Peirao Comercial Sur
Por Redacción
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrado este xoves deu a súa aprobación definitiva ao Plan de Empresa 2014. Este documento baséase, entre outros, en obxectivos relacionados coa mellora da eficiencia organizativa e da rendibilidade, a xestión ambiental eficiente, a optimización de recursos ou o fomento da intermodalidade marítimo-ferroviaria como elemento clave de competitividade.
Para 2014 espérase alcanzar unhas cifras de movemento de mercadorías próximas aos dous millóns de toneladas. A previsión é que continúe o equilibrio na forma de presentación de mercadorías entre graneis sólidos e mercadoría xeral, a progresiva diversificación de tráficos, a ampliación de operadores e servizos marítimos regulares e a consolidación de mercadorías captadas nos últimos anos.
OBRAS
Esta obra ten un prazo de 16 meses, un presuposto próximo aos cinco millóns
O Consello aprobou iniciar o expediente de contratación de obras para a prolongación do Peirao Comercial Sur co obxectivo de facer operativo o espazo creado entre este e o Peirao Comercial Oeste.
Esta obra ten un prazo de 16 meses, un presuposto próximo aos cinco millóns e contará con cofinanciamento europeo procedente de Fondos de Cohesión.
Ademais aprobouse iniciar un expediente de contratación de obras para complementar a rede ferroviaria interior co obxectivo de mellorar a operativa debido ao aumento da intermodalidade dentro do Porto. Trátase de reordenar a actual praia de vías para prolongar a súa lonxitude na zona de graneis de cara á entrada en funcionamento do Peirao Oeste e permitir a chegada das vías á terminal polivalente. Está previsto que esta obra conte con financiamento a través de Fondos de Cohesión.
Para a súa adaptación á nova normativa, o Consello aprobou tamén o inicio do expediente de proposta de delimitación de espazos e usos portuarios. Este documento delimita nos portos de titularidade estatal os espazos de terra e mar necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios.
OPERATIVA
O Consello aprobou a delimitación de zonas de almacenamento, tránsito e manobra do Porto, para dar resposta ao establecido no Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante. Esta delimitación xa recolle os cambios introducidos na estrutura física do Porto tras a construción do Peirao Comercial Oeste.
O Plan de Protección do Porto foi outro dos puntos aprobados polo Consello de Administración. Este Plan inclúe as medidas a adoptar en materia de protección do Porto para mellorar a seguridade nas instalacións portuarias. O documento considera algunha das últimas medidas adoptadas como a vixilancia de todo o recinto a través de circuíto pechado de TV ou a instalación de lectores de matrículas nos accesos. Este Plan foi analizado previamente e aprobado no Comité Consultivo de Protección do Porto e agora será remitido ao Ministerio de Interior para a súa aprobación definitiva.
O Consello aprobou tamén a avaliación e plan de protección da instalación "Peirao Comercial Oeste". Este plan é preceptivo antes do inicio de actividade da instalación, en cumprimento do estipulado no Código PBIP.