Sacan a concurso a ampliación do tren interior do porto e a prolongación do peirao sur por 10 millóns
Por Redacción
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra sacou a concurso dúas obras por un importe global de 10 millóns de euros para a ampliación da rede ferroviaria interior das instalacións portuarias e a prolongación do peirao comercial sur.
A primeira das obras implica a ampliación da rede ferroviaria interior incrementando a capacidade ferroviaria en determinadas zonas mediante a prolongación de vías que xa están en operación.
As obras, que saen a concurso por 3,9 millóns, terán un prazo de execución de 12 meses unha vez que se adxudiquen. O anuncio de licitación publícase no Boletín Oficial do Estado (BOE) deste martes 4 de febreiro xa abre un prazo para a presentación de ofertas que dura pouco máis dun mes, ata o próximo 7 de marzo.
A rede interior de ferrocarril dispón actualmente de 5.150 metros de vías que posibilitan zonas de composición ferroviaria e de carga e descarga de mercadorías, tanto en primeira liña de peiraos coma nas proximidades das instalacións de almacenamento, segundo datos da Autoridade Portuaria.
O BOE publica así mesmo unha segunda resolución da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra pola que se convoca concurso para a licitación da obra que implica ampliar o peirao comercial sur cara ao oeste con calado de 11 metros ata o seu encontro co peirao comercial oeste que se prolonga cun calado de 15 metros, ambas as dúas prolongacións con formigón mergullado.
Esta segunda obra ten un presuposto base de licitación de 6.039.373,79 euros. As ofertas poderán presentarse ata o día 14 de marzo.
Ambos os dous proxectos, do Ministerio de Fomento, están cofinanciados con Fondos de Cohesión da Unión Europea (Marco operativo 2007-2013).