Novo servizo de Estimulación Terapéutica para as personas maiores de Cuntis
Por Redacción
A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea Alzhéimer) e o Concello de Cuntis presentaron este venres o novo servizo de Estimulación Terapéutica que se puxo en marcha para atender a persoas con deterioro cognitivo e demencias neurodexenerativas como, entre outras, o alzhéimer.
Este servizo ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos maiores, así como fomentar as relacións interpersoais, ao mesmo tempo que contribúe ao respiro familiar. Conta con profesionais de fisioterapia, psicoloxía, educación social, traballo social e xerocultoras.
O goberno local destacou a importancia deste servizo para a veciñanza cuntiense, que se sumará á ampla rede de apoio do seu departamento de Servizos Sociais. Pola súa banda, a representante de Agadea, Sonia Castro explicou que a entidade conta con "unha ampla experiencia" neste tipo de terapias que "son fundamentais para retardar a deterioro cognitivo".
Actualmente se levan a cabo en concellos como Santiago de Compostela, Ribeira, A Estrada, Vedra, Trazo e Teo, onde se constatou a súa efectividade. As actividades para realizar son, entre outras, "orientación á realidade, estimulación da memoria recente e a longo prazo, laborterapia, psicomotricidade, xerontogimnasia e terapias innovadoras".
Este novo servizo de Estimulación Terapéutica ten a súa sede en Praza Constitución 4, os luns, mércores e venres en horario de 16 a 20 horas. As persoas interesadas poden recibir máis información en Servizos Sociais de Cuntis (986 54 80 05) ou en Agadea (651 981 863).
O Concello de Cuntis e a entidade Agadea Alzhéimer retoman, desta maneira, a súa colaboración iniciada no 2022 con charlas informativas, que terán continuidade este ano.
Relacionadas:
-
Abre en Cuntis un centro especializado en terapias para persoas con demencia
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Nos últimos meses aumentou nun 50% o espazo urbano para o tránsito peonil en Cuntis
Por Redacción |
-
Abren as inscricións para os obradoiros de memoria en Bueu
Por Redacción |
-
O Servizo de Atención Temperá de Cuntis ten continuidade garantida dous anos
Por Redacción |