'A foto 51' ou como loitar para que as mulleres deixen de ser invisibilizadas na ciencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
'A foto 51'. Un suxestivo título para un proxecto con moito que dicir. É o novo programa deseñado pola Concellería de Cultura de Pontevedra con vocación de continuidade cada mes de febreiro para, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, "traer a ciencia á nosa cidade, sobre todo a divulgación científica" e facelo con perspectiva de xénero para dar á muller o lugar que merece nesta disciplina e que deixe de ser invisible.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou este mércores a programación, que se desenvolverá este ano o venres 10 e o sábado 11 de febreiro no Teatro Principal en colaboración co xornal de divulgación científica GCiencia e o programa da TVG Efervesciencia.
O programa abrirao o venres 10, ás 11.00 horas, a conferencia da matemática María Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger 2022, e terá como elemento máis novo o sábado un encontro de divulgación conformado por 13 pequenas charlas de 10 a 15 minutos.
Queren que sexa unha actividade que supoña "unha achega á ciencia amena, divertida, áxil, pero rigorosa".
Entre as 13 persoas relatoras haberá maioría feminina porque, tal e como explicou Fouces, pretenden que este encontro teña a realidade contraria da maioría dos congresos científicos, nos que o 70% adoitan ser homes e apenas as 30% mulleres.
En Pontevedra van "darlle a volta" para que se represente a "presenza real" das mulleres na ciencia e tan só haberá un home entre os relatores.
A partir das 11.00 horas, e durante toda a mañá do sábado, pasarán polo Principal as seguintes charlas: Iria Veiga (O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas), Paula Otero (Previr o cancro a golpe de xiringa), Elena Vázquez (Números máxicos). Laura Veiga (Máis diversidade, mellores resultados), Sandra Román (A cultura anti-dieta) e Olalla López (Historia das mulleres dos mortos).
Pola tarde, a partir das 17.10, falarán Xurxo Mariño (O dilema obstétrico), Joana Magallaes (Tecedeiras de duplas hélices), Eva Cabanelas (Aos gatos nin tocalos), África González (Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas ), Estíbaliz Espinosa (Cosmos en perspectiva e poema) e Tamara Pazos (A perversión do benestar).
Ademais, durante o día desenvolverase un concurso Nanocharlas abertas á participación de toda a cidadanía interesada na divulgación que queira dar pequenas conferencias de 5-6 minutos. Poden inscribirse en https://apuntate.pontevedra.gal/.
Ademais, durante a mañá do sábado haberá un taller para nenos de entre 7 e 12 anos e ás 18.30 horas o colofón será un espectáculo co Piano-Bar Periódico ‘Elemental’.
Como complemento, os días 11, 12, 25 e 26 de febreiro haberá roteiros científicos que tamén precisan de inscrición previa en https://apuntate.pontevedra.gal/.
O nome da actividade 'A Foto 51', para Fouces, representa un dos acontecementos da historia da ciencia que mellor resume o tratamento que recibiron as mulleres científicas nesta disciplina.
A historia desta fotografía 51 aparece recollida en libros e publicacións de todo tipo. Pode coñecerse ao detalle aquí, pero, en síntese, é a imaxe de raios X do ADN realizada pola científica Rosalind Franklin que usaron sen permiso os científicos gañadores do Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina en 1962 polas súas investigacións sobre a estrutura dos ácidos nucleicos, Watson, Crick e Wilkins.
Segundo lembrou Fouces, Maurice Wilkins mostroulle esta foto a James Watson sen permiso de Rosalind Franklin, serviulle como proba para confirmar os seus estudos con Crick sobre o ADN que publicaron en 1953 na revista Nature, pero ninguén recoñeceu á súa autora o logro, senón que mesmo a ningunearon e trataron sen consideración.
Relacionadas:
-
Quince vídeos de divulgación científica recollen a esencia do ciclo pontevedrés 'A Foto 51'
Por Anxo Lourido |
-
A doutora Laura Busto Leis é homenaxeada en Barro con motivo do Día Internacional da Muller na Ciencia
Por Redacción |
-
"A ecuación buscada é a da igualdade, a solución correcta é a do equilibrio"
Por Oskar Viéitez |
-
Homenaxearán ás cociñeiras de Bueu polo día da muller
Por Redacción |
-
Día da Muller e a Nena na Ciencia para denunciar que só o 30% do persoal investigador é muller
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
RADIO.- As 'Conversas na Ferrería' falan de ciencia en feminino
Por Marisa Ciordia |
-
Claudia Veiras Troitiño gaña o Certame de relatos curtos "A muller e a nena na ciencia"
Por Redacción |
-
O Día da Muller e a Nena na Ciencia será festexado este venres cun encontro de divulgadoras científicas
Por Oskar Viéitez |