Este venres 11 de febreiro estará en Pontevedra formando parte das actividades que o Concello de Pontevedra en colaboración con GCiencia organizaron para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dun encontro con alumnos de segundo curso de ESO e de Bacharelato, ás 12.00 horas no Pazo da Cultura e no que tamén participarán a bióloga Alba Aguión Tarrío, a biomédica Paula Otero Sánchez e a microbióloga Andrea Muras Mora.
Neste podcast de 'Conversas na Ferrería' Carmela fálanos das cotas de presenza feminina en carreiras vinculadas á Ciencia e tamén no ámbito laboral. Comenta igualmente a súa faceta de divulgadora, que público segue as súas canles e cales son as súas mulleres de referencia na Ciencia.
Ademais, PontevedraViva Radio conta no estudo con outras dúas invitadas. Dúas das estudantes premiadas no concurso de micro relatos 'A muller e a nena na Ciencia' que recibirán os seus premios no citado encontro deste venres 11 de febreiro.
Claudia Veiras Trotiño, alumna do IES Valle Inclán conseguiu o primeiro premio co traballo titulado 'Pequenas accións, grandes resultados' e o segundo premio foi para Julia Martínez Losada, estudante tamén no IES Valle Inclán, co relato 'Loitar para triunfar'. Carmen Portela Medrano, alumna do IES Frei Martín Sarmiento e gañadora do teceiro premio con 'Empeño e ambición fan os soños realidade', comparte a súa lectura neste podcast.