Día de festa para os cans de Monte Porreiro coa estrea do seu primeiro parque canino
Algo máis de 1.100 metros cadrados. É o espazo de lecer que, desde este domingo, teñen os cans de Monte Porreiro. O primeiro parque canino do barrio xa quedou inaugurado.
Foi cunha festa na que participaron membros dos colectivos Os Palleiros, DivertiCans e Ohana, que estiveron acompañados de numerosos veciños da zona.
Este agardado espazo para o paseo de mascotas foi creado pola empresa Naturgalia na zona verde situada a carón da escola infantil, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica, moi preto do centro de saúde de Monte Porreiro.
Iván Puentes e Marcos Rey, concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Benestar Animal, aseguraron estar "moi satisfeitos" co resultado deste parque canino, no que o Concello investiu case 48.000 euros.
É o primeiro parque canino dos catro proxectados na cidade, xa que ademais dos previstos no contorno de Campolongo-Os Gafos e en Valdecorvos (na Praza das Regas), tamén se contempla un dentro do plan de reforma do parque de Pasarón.
Os edís agardan que, nun concello no que a cifra de cans se aproxima aos 20.000, estes novos parques melloren a convivencia entre as mascotas e a cidadanía, ofrecendo amplas áreas nas que animais poidan moverse con absoluta liberdade.
Os traballos realizados en Monte Porreiro incluíron o peche da parcela cun panel de malla electrosoldada, acabado en lacado verde e postes de perfil oco de sección rectangular; a plantación de dúas árbores ou a instalación de dúas portas de paso de 1×1,5 metros;.
Ademais, colocáronse fontes de aceiro inoxidable combinadas para persoas e animais, dúas papeleiras cilíndricas, dous postes para que os cans ouriñen, dous bancos, un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira de piñeiro vermello cunha altura de 2,30 metros e un teito de chapa sándwich, que permite refuxiarse da choiva ou o sol.
Durante o acto inaugural tamén foron distribuídas botellas de plástico da campaña de Benestar Animal 'Non te despistes', pensadas para limpar con auga os ouriños das mascotas; porta bolsas con forma de óso para facilitar a recollida das deposicións e panfletos da iniciativa de concienciación cidadá para acabar cos excrementos nos espazos públicos.
Relacionadas:
-
Contratado o novo parque canino da Praza das Regas, en Valdecorvos
Por Redacción |
-
O novo parque entre as rúas Irlanda e Luxemburgo terá un miradoiro cara ao Lérez
Por Redacción |
-
En marcha as obras de restauración do parque infantil de Mollavao
Por Redacción |
-
A estrea do parque canino de Monte Porreiro, á espera de que brote o céspede
Por Redacción |
-
Monte Porreiro estreará en xaneiro o parque canino situado xunto á escola infantil
Por Redacción |
-
As obras da nova pista multideporte e do parque canino de Monte Porreiro comezarán en setembro
Por Redacción |