Contratado o novo parque canino da Praza das Regas, en Valdecorvos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O segundo dos parques caninos proxectados en Pontevedra, que se ubicará na praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, custará 35.000 euros e vaino executar a firma especializada Naturgalia.
Así o comunicou este sábado o Concello de Pontevedra, na que foi a última comunicación oficial das concellerías de Benestar Animal e de Desenvolvemento Sostible antes da constitución da nova Corporación.
A actuación financiada polo departamento que ata este sábado dirixía Marcos Rey (PSOE) enmárcase nun proxecto máis amplo de mellora paisaxística integral impulsado nesta zona verde por Iván Puentes, xa ex concelleiro socialista de Desenvolvemento Sostible.
O proxeccto contempla a construción dun novo parque infantil deseñado con elementos naturais, como madeira procedente de produción sostible certificada (na área central deste ámbito, a carón do camiño existente).
Esta área contará cos seguintes espazos: zona de xogos para rapaces máis pequenos, con casiñas, escadas, elementos de xiro ou balancíns; zona de xogos para rapaces maiores con pórticos de columpio, cesta e redes tridimensionais, e zonas de estancia con bancos e mesas con bancos situadas na sombra de arboredo autóctono.
Ese proxecto amplo suporá un investimento global de 175.236 euros e incluirá a creación dunha pista multideporte na parcela norte, onde se eliminarán as especies invasoras existentes e plantaranse microbosques de especies autóctonas, co obxectivo de loitar contra os efectos do quecemento global e mellorar a biodiversidade urbana do barrio. A mellora paisaxística tamén prevé a dotación destes microbosques arredor dos composteiros e no contorno das zonas de xogo, xerándose pequenos bosques mediante o antigo método xaponés denominado miyawak.