A estrea do parque canino de Monte Porreiro, á espera de que brote o céspede
Por Redacción
Nun prazo de quince días espérase que estea xa dispoñible o novo parque canino situado no barrio de Monte Porreiro. Este luns, Iván Puentes e Marcos Rey, concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, visitaban este espazo de 1.100 metros cadrados de superficie, que se atopa situado nas proximidades á Galiña Azul, entre Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica, na contorna do Centro de Saúde.
Durante os últimos días, a empresa Naturgalia SL finalizaba a instalación de todos os elementos deste espazo, que conta cun orzamento que supera os 47.833 euros. A parcela atópase limitada por un panel de malla electrosoldada, plantáronse dúas árbores e instaláronse dúas portas de paso. Tamén contará con fontes de aceiro inoxidable combinadas para persoas e animais; dúas papeleiras cilíndricas; dous postos de perfil oco de sección rectangular; dous postos para que os cans ouriñen; dous bancos, un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira; ademais dun teito de chapa sándwich, para que as persoas usuarias se poidan refuxiar da choiva ou o sol.
Iván Puentes sinalaba durante a visita que será necesario esperar a xaneiro, a que termine de brotar o céspede, para que o Concello reciba a obra. Está prevista a realización dun acto de inauguración oficial con representantes das asociacións caninas e da veciñanza.
Este parque é o primeiro dos tres destinados ás mascotas que están previstos polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal. Os outros dous proxectáronse para Campolongo e Valdecorvos, na Praza das Regas. Todos os parques fináncianse a través dunha modificación de crédito aprobada con montante global de 122.722 euros.
Segundo Iván Puentes o número de cans censados no municipio sitúase en 16.000 e, por este motivo, considera que se trata dun "paso adiante fundamental" para mellorar a convivencia da cidadanía e dos animais.
Os concelleiros socialistas tamén indicaron que se traballa na instalación dos elementos da nova pista multideporte na Praza de Europa en Monte Porreiro para que estea lista a principios de 2023. O proxecto execútase pola empresa Garocaprim SL cun orzamento de 53.805 euros.
Relacionadas:
-
A Praza das Regas terá un nova zona de xogos, unha cancha multideporte, un parque canino e microbosques
Por Redacción |
-
A reforma do parque da Praza de Europa avanza con nova iluminación e a plantación de árbores
Por Redacción |
-
Día de festa para os cans de Monte Porreiro coa estrea do seu primeiro parque canino
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O PP pedirá no pleno un investimento de cinco millóns de euros para melloras en Monte Porreiro
Por Anxo Lourido |
-
Remata a instalación da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa
Por Redacción |
-
Monte Porreiro estreará en xaneiro o parque canino situado xunto á escola infantil
Por Redacción |
-
As obras da nova pista multideporte e do parque canino de Monte Porreiro comezarán en setembro
Por Redacción |