O condutor bébedo que causou un accidente no que faleceron unha muller e os seus dous fillos asegura non lembrar nada
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra iniciou este martes o xuízo contra Alfredo L., un home de 33 anos, acusado tres delitos de homicidio por imprudencia grave con ocasión da condución dun vehículo de motor, por conducir bébedo causando un accidente no que faleceron unha muller e os seus dous fillos.
"No me acuerdo de nada prácticamente del accidente", declarou hoxe ante o tribunal en relación co sinistro ocorrido sobre as 21.56 horas do día 19 de marzo de 2021.
Alfredo foi incapaz de concretar as circunstancias do accidente "no sé qué pudo pasar, si me dio un bajón o qué". E apuntou que non sabe "si me subió de golpe el alcohol" porque, segundo reiterou, el "estaba bien" e engadiu que "cuando bebo no cojo el coche, ese día no sé qué pudo pasar que no me acuerdo".Tamén dixo non ser consciente de pedir a alguén no bar que lle leva a casa por non estar en condicións.
Polo contrario, si lembraba que, despois do accidente, no hospital pediulle ao seu pai "que hiciera todo lo posible con el seguro" para que "intentase llegar a un acuerdo". A súa defensa pide a libre absolución.
A fiscal solicita que sexa condenado a cinco anos de prisión e a perda definitiva do permiso para conducir.
Segundo o relato que fixeron dos feitos os axentes da Garda Civil que testificaron durante a vista oral, Alfredo conduciu a súa Renault Megane pola estrada PO-510 (Porriño-Salceda de Caselas), tras consumir bebidas alcohólicas en catro bares "en cantidad que mermaba su capacidad de realizar una conducción adecuada y segura".
Segundo concluíu o Ministerio Público en base aos informes periciais, o acusado conduciu o seu vehículo a unha "velocidade excesiva e inadecuada para o seu estado e a vía", alcanzando, polo menos, unha velocidade de 128 km/h. Por iso, ao chegar unha lixeira curva mantivo unha traxectoria recta. O coche do acusado atravesou os dous carrís de circulación sentido O Porriño e invadiu o carril destinado á circulación sentido Salceda de Caselas, polo que nese momento circulaba o vehículo Citroën C4 que conducía unha muller de 38 anos que viaxaba cos seus fillos de 13 e 6, todos eles veciños de Salvaterra do Miño.
O equipo de expertos da Garda Civil que reconstruíu o accidente, explicou que, como consecuencia desa invasión, a condutora do Citroën tentou unha manobra evasiva cara á esquerda para evitar a colisión "la maniobra que intentó era la correcta". A pesar diso, "no pudo hacer nada para evitar el choque" e ambos os vehículos impactaron de fronte.
Debido á violencia do impacto os tres ocupantes do Citroën faleceron no mesmo lugar do accidente, a pesar de que todos levaban posto do cinto de seguridade -o pequeno ademais unha cadeira homologada- e a que funcionaron os sistemas activos de protección do vehículo.
O acusado, foi desprazado ao hospital Álvaro Cunqueiro e alí obtivéronse mostras para comprobar o grao de intoxicación alcohólica, que deron un resultado de 2,49 gramos por litro de sangue. É dicir, quintuplicaba o límite permitido. Ante as dúbidas expostas polo avogado da defensa, durante o xuízo quedou acreditado polos profesionais sanitarios que a extracción e a custodia desta proba foi "perfecta".
A Garda Civil e os responsables de catro bares aos que acudiu o acusado aquela tarde detallaron que este presentaba, antes de iniciar a condución, "evidentes síntomas dunha intoxicación alcohólica notoria" xa que estaba a falar só e balbuceando, con dificultades para manter o equilibrio, incapaz de manter a verticalidade, chegando a caerse dunha cadeira ao chan, ou tropezar sen motivo aparente e caerse ao chan, quedándose tombado un intre ata que consegue levantarse.
TESTEMUÑO DA FAMILIA
Especialmente emotivas foron as declaracións ante o tribunal da familia dos tres falecidos. O viúvo e pai dos dous menores falecidos afirmou que nese accidente "lo he perdido todo". Sumido nunha depresión nin sequera segue vivindo en España "no tengo ningún motivo para vivir", dixo. Tiñan tres negocios que foron liquidados "a pérdidas" porque se viu "incapaz de sacarlos adelante".
O pai e os tres irmáns da nai de 39 anos que faleceu xunto aos seus fillos de 13 e 6 anos relataron ante o tribunal a traxedia familiar que viven desde aquel fatídico día. "Llevamos todo este tiempo sin ser la familia que éramos", incidiron, "nada en la vida te prepara para ver tres cajas colocadas de mayor a menor".
PIDEN MÁIS PENA
A familia exerce a acusación particular e pide unha condena de nove anos de prisión para Alfredo, lamentando profundamente que a Fiscalía non faga o mesmo e limítese a solicitar 5 anos de condena. Segundo argumentaron, en España hai sentenzas condenatorias con penas superiores aos 10 anos por sucesos similares e con menos vítimas.
A familia teme "una condena pequeña que no nos ayude a pasar página" senón que "aumente nuestra situación de rabia e impotencia", reprocharon ao remate da vista oral.
Ademais da pena de prisión e en canto á responsabilidade civil, a Fiscalía solicita que o acusado conxunta e solidariamente coa compañía Axa Seguros Generales indemnice en máis de medio millón de euros á familia dos falecidos.
O xuízo concluirá mañá mércores coa lectura dos informes das partes acudidas neste caso: a fiscalía, a acusación particular, o avogado da defensa e o letrado da compañía de seguros.
Relacionadas:
-
Ratifican a condena ao condutor bébedo que causou un accidente no que faleceron unha muller e os seus dous fillos
Por Oskar Viéitez |
-
"Siento mucho lo que pasó, no sé si fue culpa mía o no", afirma o condutor acusado de matar en estado ebrio unha nai e os seus dous fillos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un condutor bébedo, a xuízo en xaneiro polo homicidio imprudente dunha familia
Por Natalia Puga |