Responsables da Deputación de Cádiz visitan Pontevedra para coñecer o modelo de mobilidade do Plan Ágora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra recibiu este mércores unha nova visita institucional á provincia: a Deputación de Cádiz quere coñecer o modelo de recuperación do espazo público que está a desenvolver o goberno pontevedrés e ver como é a súa aplicación práctica nas vilas e cidades da provincia para valorar se é factible aplicar a iniciativa no seu propio territorio.
A visita da delegación de Cádiz está formada por Francisco Javier Vidal Pérez, vicepresidente segundo da Diputación Provincial e deputado delegado da área de Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Urbano Sostible -como representante político-, e María Teresa Fernández Mota Martos, directora da área de Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Urbano Sostible e directora da Fundación Medio Ambiente, Enerxía e Sustentabilidade da Provincia de Cádiz (Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz), así como Ángel David Domínguez Ruso, técnico da Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz e responsable proxectos de Mobilidade Sustentable -pola parte funcionaria-.
O programa da visita, que comezou este martes e prolongarase ata o venres 13 de xaneiro, incluirá unha recepción institucional por parte da presidenta e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, así como unha xornada de traballo teórica co persoal de Mobilidade pontevedrés, que achegará os datos numéricos de proxectos, metros cadrados de espazo público recuperados, así como outras cuestións de tipo práctico.
Segundo informou do deputado de mobilidade, Uxío Benítez, a xornada de traballo de mañá xoves centrarase na visita dos casos prácticos: obras realizadas seguindo o decálogo Ágora que establece que as persoas deben ser o eixo do deseño urbano, xa que o dereito ao espazo público é fundamental e está ao mesmo nivel que o dereito á Sanidade ou a Educación.
Uxío Benítez indicou que a visita dos representantes da Deputación gaditana servirá de "intercambio de experiencias" para "aprender uns dos outros".
Francisco Javier Vidal sinalou que o obxectivo desta visita é "ver de qué forma se puede trasladar a nuestra provincia" o modelo e o traballo feito pola Deputación de Pontevedra seguindo a filosofía das persoas primeiro no ámbito da Mobilidade. Pensando, especialmente, nos concellos de menos de 50.000 habitantes.
Por último, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, engadiu que nas súas visitas a Cádiz, da que confesou estar "namorado", viu a transformación impulsada no ámbito da mobilidade nos últimos anos e "vin cousas sumamente interesantes, ainda sin ter un programa concreto" polo que recalcou que "hai que aprender de todos lados".
Relacionadas:
-
Edís de Ponferrada visitan Pontevedra para adoptar o seu modelo urbano
Por Redacción |
-
Uxío Benítez cifra en 5,3 millóns o investimento realizado para recuperar espazo público na provincia
Por Redacción |
-
Carmela Silva, en Valladolid: "O espazo público é un dereito fundamental como a educación ou a sanidade"
Por Redacción |
-
Máis provincias do Estado importan o modelo de recuperación do espazo público a Rede Ágora
Por Redacción |
-
A rede Ágora da Deputación: a revolución do espazo público para as persoas na provincia
Por Noticia patrocinada |
-
750.000 euros de subvencións Ágora irán destinados a gañar espazo público e crear novas sendas peonís
Por Redacción |