Máis provincias do Estado importan o modelo de recuperación do espazo público a Rede Ágora
Por Redacción
A Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público impulsada pola Deputación sigue a súa expansión. Se neste pasado 2002 o proxecto do departamento de Mobilidade espertou interese en boa parte do Estado, o 2023 comeza cunha nova visita institucional á provincia: a Deputación de Cádiz quere coñecer ‘in situ’ o modelo de recuperación do espazo público que está a desenvolver o goberno pontevedrés e ver como é a súa aplicación práctica nas vilas e cidades da provincia para valorar se é factible aplicar a iniciativa no seu propio territorio.
O modelo e o traballo feito pola Deputación de Pontevedra seguindo a filosofía das persoas primeiro no ámbito da Mobilidade xa levantara moito interese xa dende a súa concepción no mandato pasado, posto que supoñía unha gran revolución con proxectos concretos como o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Segura) ou o decálogo de criterios para a reforma das vías provinciais –que chegou incluso a ser exemplo nun congreso en Perú-, entre outras iniciativas.
Sen embargo, a exportación total do modelo está a ser exponencial dende a súa concreción no 2020, baixo a denominación da Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público. No 2021 chamou a atención tamén da Dirección Xeral de Tráfico e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que incluíu o proxecto no ‘I Foro Urbano de España’ que abordou a iniciativa da ‘Nova Bauhaus Europea’.
Neste ano 2022 o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra foi referente en numerosas comunidades e requirido para expoñer o modelo na Universidade Politécnica de Madrid, no Concello de Cartagena durante a Semana Europea da Mobilidade, nas deputacións de Gipuzkoa e Bizkaia no País Vasco, no concello de Logroño, ou en Mallorca, no congreso estatal da Rede de Cidades que Camiñan. Por motivos de axenda tivo que adiarse unha visita á Deputación de Barcelona.
MÁIS TÉCNICOS ÁGORA, TAMÉN DE FÓRA DA PROVINCIA
O interese externo polo traballo que se está a desenvolver con Ágora como proxecto de mobilidade está a constatarse tamén no número de persoas de fóra da provincia e incluso de fóra de Galicia interesadas en participar na formación que imparte a Deputación de Pontevedra na Facultade Ágora.
Recentemente vén de finalizar o segundo curso básico sobre o espazo público, que nesta edición se celebrou en liña. Se no anterior ano, cando as persoas relatoras estaban de maneira presencial, o número de licenciados como persoal técnico Ágora fora de 125 persoas, sendo 8 de fóra de Pontevedra e outros 12 de fóra de Galicia, neste ano das 38 persoas tituladas, 4 eran galegas e outras 5 de fóra do país. É dicir, o 25% das persoas ‘licenciadas’ como técnicas Ágora non estaban relacionadas coa provincia.
Ao abeiro da Facultade Ágora tamén se celebraron neste ano catro obradoiros prácticos coa participación dunha media de 40 persoas en cada un (persoal técnico municipal, persoal político, integrantes de consultoras e empresas...), así como a xornada formativa de PoliÁgora, destinada ao intercambio de coñecemento con axentes das policías locais da provincia, responsables prácticos da defensa do espazo público para as persoas fronte ao uso abusivo por parte dos coches.
Relacionadas:
-
Carmela Silva, en Valladolid: "O espazo público é un dereito fundamental como a educación ou a sanidade"
Por Redacción |
-
A Diputación de Cádiz colle ideas da transformación urbana de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Responsables da Deputación de Cádiz visitan Pontevedra para coñecer o modelo de mobilidade do Plan Ágora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A rede Ágora da Deputación: a revolución do espazo público para as persoas na provincia
Por Noticia patrocinada |
-
A Deputación captou este ano 15,4 millóns de euros de fondos europeos para 23 proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
750.000 euros de subvencións Ágora irán destinados a gañar espazo público e crear novas sendas peonís
Por Redacción |