O alcalde insta á Xerencia da Área Sanitaria a cubrir "canto antes" a baixa dunha médico no Centro de Saúde de Moraña
Por Redacción
O alcalde de Moraña, José Cela contactou este xoves coa Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés para solicitar que se cubra "canto antes" a baixa médica dun dos facultativos do Centro de Saúde de Moraña, o que provoca que nestes momentos só haxa un médico na vila.
Cela, que se achegou ata o centro médico para coñecer a situación de primeira man, recalcou a importancia de que a veciñanza teña "a mellor atención sanitaria posible" e recordou que "xa recentemente tivemos problemas coa cobertura de prazas e non queremos que volva pasar".
De feito, foron os propios veciños os que tamén se achegaron ata o Concello para mostrar o seu enfado por esta situación, que está a supor o retraso de citas médicas.
Desde o Concello, o rexedor mostra todo o seu apoio aos veciños afectados. "Presionaremos para que esta situación se resolva o antes posible e non volvamos vivir situacións de tensión asistencial no noso Centro de Saude", rematou.
Relacionadas:
-
O BNG de Moraña convoca unha manifestación polo colapso sanitario que afecta o centro de saúde
Por Redacción |
-
Carmela Silva reclama a intervención do presidente da Xunta para resolver a "situación intolerable" da sanidade pública
Por Redacción |
-
Masiva protesta en Moraña pola falta de médicos no centro de saúde
Por Redacción |