![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8ea/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63b6c54517-carmela-silva-00.jpg)
© Deputación de Pontevedra
Carmela Silva reclama a intervención do presidente da Xunta para resolver a "situación intolerable" da sanidade pública
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, cualifica de "escandalosa desidia" a actitude da Xunta de Galicia en relación coa situación conflitiva que se rexistra na área sanitaria, á última provocada pola falta de pago de Ambulancias Civera aos seus traballadores.
Entende que desde a administración autonómica se adoptan "decisións erróneas" co desmantelamento da Atención Primaria desde hai moito tempo que leva á visibilización actual.
A Xunta de Galicia actúa "con conciencia, con apoio clarísimo á sanidade privada", afirmou Silva indicando que é unha situación que se produce en todas as Comunidades Autónomas onde goberna o PP.
Acusou o goberno galego de falta de compromiso coa sanidade pública e mostrou o seu apoio ao persoal, "son moi valentes" apuntou lembrando a falta de médicos e a falta de traballadores nos PAC. "A cidadanía está a falar alto e claro", expuxo.
Ante esta situación, a presidenta provincial reclama que Alfonso Rueda se poña a traballar para liquidar esta solución "que é intolerable". "Espero que o presidente se tome isto moi en serio", dixo pedindo a intervención directa do presidente da Xunta de Galicia.
"A cidadanía sente que poñerse enfermo é un grave problema, máis aló da enfermidade, pola inquietude polas garantías de ser atendida", argumentou culpando a Rueda de trasladar cartas ao goberno central "parece un neno pequeno".
"É hora de que se poña o traxe de presidente e solvente a situación da sanidade pública", reclamou Carmela Silva incidindo na necesidade de que se busquen solucións para a Atención Primaria.
Reclamación ao presidente da Xunta para que resolva a situación sanitaria
Carmela Silva. Presidenta da Deputación de Pontevedra
© PontevedraViva