A glorieta de enlace da Autovía do Salnés xa exhibe o nome de Sanxenxo
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora da glorieta do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo.
As actuacións, cun investimento de preto de 48.000 euros, deron continuidade ás realizadas nesta pasada primavera de mellora da capacidade deste enlace, co fin de acondicionar a entrada principal a Sanxenxo.
Nesta intervención acondicionáronse o anel interior da glorieta e as illetas nos accesos.
Máis concretamente, as actuacións consistiron na rehabilitación do pavimento da glorieta, que se formalizou en adoquín de formigón. Este elemento é importante para a funcionalidade da rotonda, ao ser o borde entre os carrís de circulación e o anel interior.
Tamén se renovou o axardinamento da glorieta e instaláronse letras retroiluminadas co nome do concello, "Sanxenxo", orientadas ao acceso desde a autovía.
Unha vez finalizados os traballos, o Concello de Sanxenxo asumirá a conservación e mantemento da rotonda, ademais de renovar a iluminación interior da glorieta.