Abren ao tráfico o novo enlace da autovía do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo
Por Redacción
O tramo de conexión da autovía do Salnés co ramal de enlace coa estrada PO-504 en Sanxenxo reabre ao tráfico na tarde deste venres.
O tráfico estaba interrompido desde o pasado mes de setembro por mor das obras de mellora da conexión da autovía do Salnés coa vía autonómica PO-504 e agora abre a partir das 18.00 horas.
O avance das obras de reconstrución do ramal que conecta a autovía do Salnés coa PO-504, impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cun orzamento de 335.000 euros, están practicamente finalizadas, o que permitirá xa a circulación do tráfico neste punto desde este venres.
O novo ramal construído ábrese coa capa de rodaxe definitiva, e antes de Semana santa remataranse estes mesmos traballos nas glorietas do ámbito da obra e na conexión entre elas xa que, polas súas características, necesitan condicións de humidade e temperatura adecuadas para a mellor fixación do firme.
Nese momento tamén se realizará o pintado definitivo e colocaranse as balizas e os captafaros.
Estas obras dotan dun novo ramal os vehículos procedentes do Grove e A Lanzada que saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-540, para o que se ampliou o radio de xiro para a mellora da fluidez do tráfico neste punto.
Ademais, os traballos permitiron a ampliación da plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e a habilitación dun carril de acceso directo adicional.