Desvíos de tráfico en Sanxenxo polo inicio das obras para mellorar a ligazón á Autovía do Salnés
Por Redacción
A semana comeza en Sanxenxo co inicio das obras de mellora de capacidade da ligazón da vía de altas prestacións AG-41, a coñecida como Autovía do Salnés.
Estes traballos, que se prolongarán ata mediados do mes de decembro, supoñerán desvíos do tráfico rodado.
Trátase dunha intervención adxudicada pola Xunta de Galicia á empresa Construcións Fechi S.L. cun investimento de 335.000 euros para habilitar un ramal cun radio de xiro adecuado ampliando a calzada entre a glorieta da ligazón de Sanxenxo e a vía autonómica, dotándoo dun carril adicional, todo co obxectivo de mellorar a fluidez da circulación e reducir os atascos durante os meses de verán.
Co inicio das obras, este mesmo luns, habilitaranse os primeiros desvíos de tráfico. Acometeranse en dúas fases, sendo a primeira de dous meses de duración aproximada desviándose o tráfico da vía VG-4.1 procedente do Grove pola saída 21 ata a estrada provincial EP-9206, en sentido Portonovo. Pola súa banda o tráfico de saída de Sanxenxo desviarase pola vía de servizo anexa á vía afectada e o da VG-4.1 de entrada a Sanxenxo discorrerá pola PO-504, habilitando un desvío na propia calzada.
En canto á segunda fase, cun tempo aproximado dun mes de duración, obrigará a cortar na súa totalidade o acceso que une a glorieta inferior da VG 4.1 coa rotonda da PO-504. Desviarase o tráfico da saída de Sanxenxo en dirección á AG-4.1 pola actual vía de servizo. O tráfico de entrada de vehículo lixeiros desviarase pola estrada EP-9205 por unha vía municipal que parte da glorieta inferior da VG-4.1.
En canto o tráfico pesado e de autobuses, cortarase o acceso 19 e desviarase ao acceso 21 pola estrada EP-9206 sentido Portonovo.