"Aquí todo Combarro vén a comprar lotaría, non sabemos a quen lle tocou"
Todo Combarro, a esta hora, faise a mesma pregunta. Quen é o afortunado ou afortunada ao que lle tocou o Gordo da Lotería de Nadal? É o que comprase, a través dun terminal, un décimo do número 05490.
Comprouno no restaurante Hogar del Puerto, situado na Rúa Baixada á Chousa, nas inmediacións do porto deportivo. Seu é un premio de 400.000 euros.
"Aquí todo Combarro vén a comprar lotería, non sabemos a quen lle tocou", asegura Laura Currás que, aos seus 78 anos, segue día tras día ao pé do canón deste punto de venda de loterías, que xa hai catro anos repartiu o primeiro premio deste sorteo.
Afirma estar "moi contentos" de repartir sorte nesta máxica xornada. "Gustaríame que lle tocase a todos os que compran aquí, pero iso non pode ser", engadiu.
Iso si, por agora descoñecen quen pode ser o afortunado. "É moi probable que fose un turista porque vendemos moito para fóra", destaca Saúl, o neto da loteira, aínda que para eles "daríanos máis ilusión que fose para alguén do pobo".
Para esta familia dar o Gordo de novo, catro anos despois, "dános moito orgullo" porque contribúe ademais a que o seu establecemento "teña moita fama". Dérono por terminal, un método "no que a xente non confía moito" pero no que, ao final, tamén toca.
El mesmo, segundo desvelou a súa avoa, vaticinou onte á noite que repartirían algún premio porque ao seu pai, mariñeiro de profesión, "afundíuselle o barco dúas veces nun mes". Que fose sen consecuencias graves "si que foi un premio da lotería", recoñece a muller.
Precisamente Juan Luís Currás, chegado do mar, acudiu directo ao restaurante para abrazar á súa nai e celebrar este premio. No barco chegou a deixar os 18 quilos de ameixas que capturara que, tras a celebración, tivo que ir buscar.
Para Laura Currás, con todo, esta é unha xornada de "emoción e alegría" para eles, pero tamén de certa tristeza porque "faltan dúas persoas moi importantes". Hai quince meses faleceu o seu marido e, pouco despois, a súa cuñada. "A miña alegría sería telos presentes", afirma.
A pesar de todo, subliña o seu neto Saul, "é a miña avoa a que ten a ilusión e a sorte". Leva máis de 56 anos traballando neste punto de venda, "desde as sete e media da mañá todos os días". Xente como ela, sostén o mozo, están feitos doutra pasta.
Relacionadas:
-
O segundo premio da Lotería do Neno vendeuse na Librería Avenida de Eduardo Pondal
Por Anxo Lourido |
-
Bueu reparte 3,6 millóns de euros: "Xa tiñamos preparadas as botellas por se tocaba algo"
Por Diego Espiño & Anxo Lourido |
-
Tres millóns en Bueu para o número 25296, un cuarto premio que deixa tamén un belisco na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño |
-
Outro quinto premio, o 87092, tamén se reparte na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño |
-
A Lotaría de Nadal deixa un quinto premio na Illa de Arousa, un décimo do número 88509
Por Redacción |
-
Combarro, entre as localidades agraciadas co Gordo da Lotaría de Nadal ao número 05490
Por Alejandro Espiño |