A futura residencia da Fundación Amancio Ortega, xa perimetrada, estará lista en 18 meses
Por Natalia Puga
A futura residencia pública para maiores promovida pola Fundación Amancio Ortega no barrio da Eiriña de Pontevedra estará finalizada "nun prazo aproximado de 18 meses".
Así o asegurou este venres a conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha visita á residencia de maiores de Campolongo, na que estivo acompañada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A responsable autonómica explicou que "nestes momentos, comezou todo o peche perimetral" da futura construción e "xa comezaron os traballos no propio terreo".
Segundo explicou, este proxecto comezou "un pouco máis tarde" que as residencias desta Fundación en Lugo e A Coruña, que "xa están moi avanzadas", pero vai tamén a bo ritmo.
Fabiola García deu a coñecer que desde o Goberno galego "estimamos que se empezo a levantar da forma máis rápida posible" con ese horizonte aproximado de que en 18 meses estea "finalizada".
A Fundación Amancio Ortega destinará 12 millóns de euros á construción desta residencia, investimento que asumirá de maneira íntegra cos seus propios fondos, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.
A parcela na que se levantará este centro, situada na unidade 18, ten preto de 5.000 metros cadrados. O edificio non ocupará todo o terreo, xa que a súa planta baixa terá 3.247 metros cadrados, polo que quedarán case 2.000 de zonas libres.
A superficie total construída será de 9.285 metros cadrados, segundo consta no proxecto, que se distribúen en tres volumes lonxitudinais que se proxectan en paralelo coa Rúa das Leitugas.
A planta baixa será para servizos comúns, a primeira será ocupada por área residencial e de enfermería mentres que a segunda e terceira serían, en exclusiva, para actividade residencial. As entradas serán por Paxariñal e polo Doce de Novembro para acceder á área de enfermería. Haberá zona verde e un soportal na planta baixa para que os residentes teñan un espazo.
A residencia contempla 120 prazas para persoas usuarias, repartidas en 42 cuartos dobres e 36 individuais e estará atendida por uns 115 traballadores.
Relacionadas:
-
Promoven un novo centro para a terceira idade con vivendas estilo cohousing na zona de Tafisa
Por Natalia Puga |
-
A construción da futura residencia da Eiriña comezará este mes de xuño
Por Alejandro Espiño |
-
Aprobada a licenza para a nova residencia que financia a Fundación Amancio Ortega
Por Redacción |
-
Política Social pide "máis axilidade" ao Concello para as obras das residencias Campolongo e a de Amancio Ortega
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A residencia de maiores que promove a Fundación Amancio Ortega contará con 42 habitacións dobres e 36 individuais
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Fundación Amancio Ortega financiará a futura residencia da terceira idade de Pontevedra
Por Natalia Puga |