![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/798/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/619cd8c854-rua-12-novembro-leitugas.jpg)
© Google Maps
A residencia de maiores que promove a Fundación Amancio Ortega contará con 42 habitacións dobres e 36 individuais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7d6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/619ce0cb88-20211123-patxot-xaquin-moreda-1492.jpg)
© Mónica Patxot
Novo paso adiante para a construción da residencia de maiores que promove a Fundación Amancio Ortega en Pontevedra. Tras a cesión por parte do Concello da parcela situada na contorna da Parda á Xunta de Galicia para este proxecto, estes días solicitouse licenza para o proxecto do edificio que estará formado por baixo e tres plantas.
O concelleiro de Urbanismo Xaquín Moreda explicaba que o proxecto contempla 120 prazas para persoas usuarias, repartidas en 42 cuartos dobres e 36 individuais. A parcela onde se constrúe atópase limitada polas rúas 12 de novembro, Rúa das Leitugas, Poza dos Canos e Paxariñal.
Trátase, segundo o estudo topográfico, dun espazo que supera os 5.120 metros cadrados cunha diferenza de cota de 4 metros entre 12 de novembro e Poza dos Canos, unha circunstancia que afecta o deseño do proxecto, segundo explicou o concelleiro.
A planta baixa ocupará 3.247 metros cadrados, quedando ao redor de 2.000 libres de edificación. A superficie de construción sitúase en 9.285 metros cadrados, que se distribúen en tres volumes lonxitudinais que se proxectan en paralelo coa Rúa das Leitugas, explicou Moreda.
Trátase dun edificio de volume grande e sobrio, engadiu, de liñas moi limpas, afirmou o concelleiro. A planta baixa será para servizos comúns; a primeira será ocupada por área residencial e de enfermería mentres que a segunda e terceira serían, en exclusiva, para actividade residencial. As entradas serán por Paxariñal e por 12 de novembro para acceder ao espazo de enfermería.
O proxecto está asinado pola arquitecta coruñesa Elsa Urquijo, que habitualmente traballa para o empresario Amancio Ortega. Na súa proposta preséntase unha zona verde e un soportal na planta baixa para que os residentes teñan un espazo. O proxecto non contempla zona de aparcamento, segundo comentou o concelleiro de Urbanismo.
Agora os servizos técnicos analizarán os detalles para a súa tramitación, un proceso que levará tempo, segundo Xaquín Moreda, pola complexidade da obra.
Este centro integral de atención ás persoas maiores de Pontevedra será financiado, construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega para, unha vez finalizada a construción, ser entregado á Xunta de Galicia que afrontará todos os gastos de persoal e material do día a día. O investimento previsto para a súa posta en marcha ascende a 12 millóns de euros e as prazas serán de atención pública.
A residencia contará con 115 postos de traballo e estará dotada, segundo informan desde a Consellería de Política Social, dun equipamento punteiro e servizos innovadores, como unidades especializadas no tratamento de alzhéimer e outro tipo de demencias.