Estudan a construción dun tanque de tormentas para previr inundacións en Caldas
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas de Caldas, Manuel González, reuniuse este venres con enxeñeiros especializados en infraestruturas hidráulicas para valorar posibles solucións aos desbordamentos puntuais da redes de saneamento e de pluviais en momentos de fortes tormentas, como as ocorridas o pasado luns, sen que os ríos Umia e Bermaña desbordáronse
O Concello realizará un diagnóstico do funcionamento actual do bombeo de augas pluviais existente na Tafona, próximo ao lavadoiro de augas termais, que probablemente deberá ser ampliado cun novo pozo de bombeo a unha cota máis profunda; todo iso sería complementado coa construción dun tanque de tormentas conexo para a acumulación de augas pluviais en momentos de precipitacións intensas.
Deste tanque derivaríanse as primeiras augas recollidas cara á EDAR de Corticeiras e, as augas xa máis limpas posteriores, cara ao río Umia.
Manuel González destaca que “non nos resignamos a que se repitan estas inundacións motivadas por este punto crítico e máis baixo da rúa García Bayón, e pola actual estación de bombeo cara ao río Umia que parece mostrarse insuficiente no seu actual deseño. Imos valorar as diferentes propostas técnicas, e en xaneiro solicitaremos á Xunta de Galicia que nos apoie no deseño e construción das infraestruturas que sexan necesarias para evitar estes desbordamentos, e que se poderían financiar con cargo aos fondos europeos do Plan de Xestión do Risco de Inundacións”.
Por outra banda, Manuel González anunciou que propoñerá “a execución urxente das obras do separativo no tramo superior da rúa Real, que tamén sufriu un desbordamento puntual o pasado luns. Isto xa non sucedeu na metade inferior da mesma rúa onde se acabaron recentemente as obras municipais das novas redes de pluviais e de saneamento”.
Tamén se solicitou un informe aos servizos técnicos municipais para que se avalíen todos os puntos das redes de saneamento e pluviais que presentaron problemas o pasado luns, como a confluencia da rúa Pasionistas e Alhóndiga con Fornos e Igrexa e na rúa Sarnadela no cruzamento coa rúa Juan Fuentes, ou na avenida Dona Urraca, esta última en obras precisamente de renovación da rede de saneamento.