Abren expediente a un buque por verter fuel ao mar e investigan a súa relación co chapapote da Illa
Por Natalia Puga
A Capitanía Marítima de Vigo procederá á apertura dun expediente administrativo sancionador ao buque portacontedores 'WEC Vermeer' por verter fuel-oil ao mar a unhas 6 millas ao oeste da Illa de Ons.
Ademais, este organismo, dependente da Dirección Xeral da Mariña Mercante, mantén aberta unha investigación sobre a posible relación desta vertedura coas galletas de chapapote que apareceron este martes en praias da Illa de Arousa.
De momento, desde a Mariña Mercante sinalan que "está por determinar que a contaminación detectada no Chazo pertence á descarga do buque retido".
No caso do expediente sancionador, supón a retención do buque no Porto de Vigo. Con todo, o buque poderá abandonar o porto en canto finalicen as reparacións necesarias e deposite na Caixa Xeral de Depósitos garantías por importe de 230.000 euros para facer fronte aos posibles custos de limpeza dos restos de contaminación e á posible sanción.
O domingo 11 de decembro, ás 16:50 horas, este buque informou o Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) Marítimo en Finisterre que tiña unha fuga interior producida nun tanque de combustible e que derivara cara a unha das súas adegas, producindo unha descarga ao mar que estimaban nuns 150 litros de fuel.
A Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa solicitou a mobilización do buque de Salvamento Marítimo 'María Pita', con base en Vigo, que permaneceu nas inmediacións do buque ‘WEC Vermeer’ ata que a visibilidade permitiu seguir a inspección visual da zona. Nese momento, non se atoparon restos de fuel.
O luns non puideron saír medios aéreos a recoñecer a zona debido ás malas condicións meteorolóxicas. Este martes si saíu o avión de Salvamento Marítimo para recoñecemento (visual e con sensores) da deriva prevista da vertedura. Segundo a simulación realizada polo CCS Finesterre, con resultado negativo. Tampouco se detectaron restos de fuel no mar.
O buque atracou no porto de Vigo o domingo sobre as 21:45 aproximadamente. Ao día seguinte, inspectores da Capitanía Marítima de Vigo iniciaron unha inspección e determinaron que existen evidencias de que o buque efectuou unha descarga ao mar de fuel-oil.
Non se pode precisar, de momento, a cantidade vertida ao mar por parte da inspección, aínda que os responsables do buque declararon uns 150 litros de fuel. Ese é o motivo do expediente sancionador.
En canto ao chapapote da Illa, desde Mariña Mercante confirman que se activou o Plan Marítimo Nacional en fase de alerta xunto co Plan Ribeira (do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) e o plan territorial CAMGAL da Xunta de Galicia.
Así mesmo, mobilizáronse de novo medios aéreos (Pesca 1 da Xunta de Galicia) e da embarcación ‘Salvamar Sargadelos’ de Salvamento Marítimo, que inspeccionaron a Ría de Arousa sen detectar restos de contaminación en ningunha outra localización.
Enviouse á zona persoal técnico da base estratéxica de Loita Contra a Contaminación (LCC) de Salvamento Marítimo de Fene-Coruña, con material necesario e, esta mesma tarde, continúase coa inspección aérea co avión de Salvamento Marítimo desde a zona de descarga ata o interior de Ría de Arousa.
Capitanía Marítima de Vilagarcía e o CCS de Salvamento Marítimo de Finisterre manterán este mércores a vixilancia sobre a zona tanto con medios marítimos como aéreos
Relacionadas:
-
O barco que derramou 150 litros de fuel en Ons abandona o porto de Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
A aparición de dúas novas manchas de fuel en Arousa forza o peche de bateas
Por Alejandro Espiño |
-
O litoral da Illa de Arousa recupera a normalidade despois dunha segunda xornada de limpeza de fuel en dúas das súas praias
Por Redacción |
-
O chapapote regresa á costa da Illa de Arousa mesturado con algas e investigan un barco de Vigo
Por Natalia Puga |