A aparición de dúas novas manchas de fuel en Arousa forza o peche de bateas
Por Alejandro Espiño
Salvamento Marítimo detectou este xoves dúas novas manchas de fuel en augas da ría de Arousa, unha nas inmediacións do Grove e outra preto da Pobra do Caramiñal.
Este incidente rexístrase dous días despois da aparición de restos de chapapote en dúas praias da Illa de Arousa e que, segundo os primeiros estudos, procederían dunha vertedura realizada polo buque portacontedores WEC Vermeer.
Este barco, de bandeira chipriota, atópase retido no porto de Vigo desde o pasado domingo, despois de que recoñecese verter uns 150 litros de fuel ao mar, a unhas seis millas da illa de Ons.
As dúas novas manchas de fuel, detectadas neste caso antes de que chegasen a terra, foron avistadas este mediodía, segundo confirmou o responsable do servizo de emerxencias do Grove, José Antonio Álvarez, obrigando a reactivar o plan marítimo por contaminación.
Desde Salvamento Marítimo advertiron a este servizo da aparición da mancha achada preto da zona de Virxe das Mareas, que quedou controlada por unha barreira ata que, a través da medios anticontaminación logrou ser disolta.
Medios aéreos percorrerán a área afectada mañá venres para comprobar que este novo episodio quedou resolta e que se logrou retirar os restos do combustible.
Como consecuencia da contaminación en augas próximas ao municipio da Pobra do Caramiñal, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) decretou o peche de tres polígonos bateeiros da ría de Arousa.
Nas zonas afectadas, coñecidas como A Pobra A, B e C, prohíbese preventivamente a extracción de moluscos bivalvos cultivados en viveiros flotantes "para evitar que cheguen ao mercado produtos mariños en condicións non aptas o consumo humano".
Relacionadas:
-
O barco que derramou 150 litros de fuel en Ons abandona o porto de Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
O litoral da Illa de Arousa recupera a normalidade despois dunha segunda xornada de limpeza de fuel en dúas das súas praias
Por Redacción |
-
Abren expediente a un buque por verter fuel ao mar e investigan a súa relación co chapapote da Illa
Por Natalia Puga |
-
O chapapote regresa á costa da Illa de Arousa mesturado con algas e investigan un barco de Vigo
Por Natalia Puga |