Imputan un home por provocar un incendio forestal en Poio ao descontrolarse unha queima
Por Redacción
Axentes da Xefatura Provincial da Policía Autonómica en Pontevedra imputaron un home como presunto autor dun incendio forestal imprudente no Concello de Poio.
O incendio produciuse o pasado día 7 de decembro, a raíz dun escape dunha queima na que non se adoptaron as medidas de prevención necesarias. Froito da imprudencia, as lapas arrasaron 600 metros cadrados de superficie arborada e para a súa extinción foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta.
Os axentes abriron as correspondentes dilixencias, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.
No que vai de ano, un total de 114 persoas foron detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais en Galicia.