A Policía Autonómica imputa a un presunto autor dun incendio forestal en Poio
Por Redacción
Axentes da Xefatura Territorial da Policía Autonómica en Pontevedra, en colaboración con axentes da Brigada de Investigación de Incendios Forestais do Distrito XIX, procederon a imputar a un home como presunto autor dun incendio forestal no termo municipal de Poio.
O lume ocorreu o pasado día 29 de novembro, a raíz dun escape dunha queima na que non se adoptaron as medidas de prevención necesarias. Froito da imprudencia, as lapas arrasaron 1.500 metros cadrados de superficie e para a súa extinción foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta.
Os axentes abriron dilixencias, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.
No que vai de ano, un total de 111 persoas foron detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais en Galicia.