Haberá recursos xudiciais do Concello e dos comuneiros ao estudo ambiental de Os Cotos
Por Redacción
As comunidades de montes de Aguasantas, Borela, Carballedo, Loureiro e Rebordelo, por un lado, e o Concello de Cerdedo-Cotobade, polo outro, presentarán un recurso xudicial á declaración de impacto ambiental aprobada para o parque eólico dos Cotos.
Así o ratificaron nunha xuntanza celebrada no consistorio de Carballedo, no que decidiron tamén manter a unidade de acción contra este proxecto.
Nesta xuntanza ademais do alcalde, Jorge Cubela, estiveron presentes o tenente de alcalde Fernando Vázquez, o concelleiro Bruno Portela e representantes das comunidades de montes, que apostaron por seguir coordinando as accións e os posicionamentos sobre este tema.
"O posicionamento claro do Concello e do grupo de goberno é opoñernos a este proxecto eólico. O apoio á estratexia marcada foi unánime por parte dos veciños presentes”, manifestou o alcalde Jorge Cubela.
Entre os acordos adoptados entre o alcalde e as comunidades de montes figura o asesoramento a través de gabinetes xurídicos da máxima solvencia nestes temas coa intención de interpoñer o recurso contra a declaración de impacto ambiental.
Por outra banda, valorouse moi negativamente o feito de que non se responderan as alegacións presentadas polos afectados en tempo e forma contra o parque eólico, o que motivou un profundo malestar por parte dos representantes municipais e dos comuneiros.
Relacionadas:
-
Pontevedra "fará todo o necesario" ante a autorización do parque eólico dos Cotos
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta autoriza a construción do parque eólico dos Cotos
Por Alejandro Espiño |
-
Indignación no BNG e PSOE pola autorización de seis parques eólicos en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman "unanimidade na loita contra este espolio" ante o avance na tramitación dos parques eólicos
Por Oskar Viéitez |
-
Confrontación política en Cotobade polos parques eólicos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta alegacións contra o parque eólico de Pedra Longa
Por Redacción |
-
Cubela e os veciños de Cuíña rexeitan os eólicos e trazarán estratexias contra eles
Por Redacción |