Monte Porreiro estreará en xaneiro o parque canino situado xunto á escola infantil
Por Redacción
En xaneiro, se se mantén o bo ritmo no avance das obras, Monte Porreiro estreará o seu primeiro parque canino. Será unha área de 1.100 metros cadrados habilitada na zona verde situada a carón da escola infantil do barrio, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica.
O parque, no se investirán uns 48.000 euros, contará cunha estrutura de pérgola en madeira de piñeiro vermello con teito de chapa para refuxiarse da choiva ou o sol, dúas fontes de aceiro inoxidable, bancos, papeleiras e un poste para que as mascotas ouriñen.
A intervención contempla ademais o peche da parcela cun panel de malla electrosoldada, acabado en lacado verde e postes de perfil oco, a plantación de dúas árbores, a instalación dunha porta de paso de 1×1,5 metros e un sistema de rega con aspersores.
Trátase do primeiro dos tres parques caninos proxectados polos departamentos que dirixen os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, Desenvolvemento Sostible e Benestar Animal, estando previstos outros dous en Campolongo e en Valdecorvos.
As tres zonas elixidas, segundo o goberno municipal, contan cunha elevada poboación de cans, polo que se dará así servizo ao maior número posible de usuarios no menor tempo posible.
A este respecto, Marcos Rey lembrou que a cifra de cans censados na nosa cidade rolda os 16.000, polo que a xeración destas zonas de paseo e xogo "é prioritaria de cara a mellor a convivencia entre as mascotas e a cidadanía".
Relacionadas:
-
Día de festa para os cans de Monte Porreiro coa estrea do seu primeiro parque canino
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A estrea do parque canino de Monte Porreiro, á espera de que brote o céspede
Por Redacción |
-
As obras da nova pista multideporte e do parque canino de Monte Porreiro comezarán en setembro
Por Redacción |
-
Ofensiva municipal para acabar coas 'cacas' de can en parques e rúas de Pontevedra
Por Redacción |