A Deputación aprobará novas axudas do Plan Concellos e a posta en marcha dos programas Pontegal e Depotermal
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu este mércores en rolda de prensa para dar conta dos asuntos que ten previsto aprobar a Xunta de Goberno Provincial que se celebrará o vindeiro venres.
Carmela Silva destacou a próxima aprobación de 4 novas axudas do Plan Concellos 2022-2023, unha delas destinada ao Concello de Marín de 604.371 euros, con destino ás obras de mantemento e conservación da piscina municipal.
Este proxecto contempla unha serie de actuacións sobre as fachadas, cubertas, estruturas metálicas, o interior dos vestiarios e o ximnasio, de cara a mellorar e preservar este equipamento municipal. Retirarase amais equipamento fóra de uso. Deste xeito, a actuación contempla a reforma da cuberta, así como a renovación do lucernario, e a habilitación dunha nova fachada translúcida de policarbonato celular. Amais, acometerase a limpeza de fachadas exteriores, a reparación da carpintería exterior de acceso, executaranse diversos reforzos estruturais e reporanse así mesmo elementos danados nas bancadas. Por outra banda, levaranse a cabo tamén reformas nos vestiarios e no ximnasio, onde se substituirá a tarima de madeira por un solado de baldosa.
Ademais está prevista a adxudicación, por máis de 222.000 euros, de obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9401 que comunica a Travesía Meis-San Salvador coa ligazón da Autovía do Salnés (AG41).
Nesta mesma Xunta de Goberno aprobaranse as bases para Pontegal 2023, que ten como obxectivo promover que o tecido asociativo da provincia poida levar a cabo actividades no ámbito das artes e a cultura. Segundo informou a presidenta da Deputación, terá un orzamento de 800.000 euros, isto supón 200.000 euros máis que no ano 2022.
Igualmente, Carmela Silva indicou que dentro das xestións do Goberno provincial "avanzamos tamén na posta en marcha do programa de termalismo social Depotermal", unha iniciativa que ten como finalidade fomentar o envellecemento activo en establecementos hostaleiros de As Rías Baixas (como balnearios, talasos ou spa).
Na edición do próximo ano a Deputación ofrecerá 3.500 prazas nas súas dúas modalidades: unha de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas e outra con pernoita en réxime de pensión completa, de domingo a venres. Carmela Silva lembrou que "durante estes 5 anos participaron 16.500 persoas" neste programa.
ILUMINACIÓN DO NADAL
Nesta mesma comparecencia de prensa, Carmela Silva tamén anunciou que a Deputación de Pontevedra vai realizar un proxecto de iluminación monumental e paisaxística do xardín de excelencia internacional e do exterior do Castelo de Soutomaior para "poñer en valor a beleza desta xoia patrimonial cun deseño lumínico eficiente".
Precisamente, este xoves a Deputación inaugura a súa iluminación e decoración ás 18:30 horas na sede de Vigo, ás 19:00 horas na cidade infantil Príncipe Felipe e ás 20 horas no Pazo provincial está última incluirá unha chocolatada. O venres ás 18:30 acenderanse as iluminacións do Nadal do Castelo de Sobroso e Castelo de Soutomaior "cun mercadillo de nadal, talleres infantís e visitas teatralizadas".
NOVO GALARDÓN
Por último, Carmela Silva comunicou que a Deputación de Pontevedra acaba de recibir un galardón internacional por incluír o Roteiro dos Fenicios na súa estratexia de promoción turística. "Valoraron a nosa aposta pola innovación no patrimonio cultural e vitivinícola e un turismo responsable, creativo, vivencial e sostible" sinalou a presidenta que se referiu ás previsións turísticas para os próximos días avanzando que "os datos para a ponte de decembro son extraordinarios, os mellores que houbo nunca".