Pontedetapas anima de novo os fogóns da hostalería local
Por Redacción
Pontedetapas xa está de volta. Tras dous anos de parón pola pandemia, o principal certame gastronómico de Pontevedra reclama o seu protagonismo. Faino da man de 25 locais de hostalería da cidade que ofrecerá aos clientes un total de 26 elaboracións.
O evento arrancou cun paseo inaugural no que participaron os edís Yoya Blanco e Iván Puentes e o presidente de Hoempo, a asociación de hostaleiros de Pontevedra, Daniel Lorenzo, que probaron as tapas propostas por Gumer, Bocarte e La culpa de la gula.
Os pontevedreses poderemos degustar as propostas dos participantes ata o 4 de decembro. Haberá, como todos os anos, un pasaporte que, mediante o seu selado, permitirá acceder a agasallos directos, ceas para dúas persoas ou lotes de cervexa.
Todas as tapas teñen un prezo de venda ao público de catro euros e cada negocio estableceu un horario concreto para o servizo das tapas.
As tapas e os locais que participan este ano son:
- Ultramar: Mexillón nunha mariñeira, cremoso de apionabo e mollo de herbas frescas
- Loaira Xantar: Trasmallos entre neboeiro
- Umami Poke Restobar: Allegra (opción vegana)
- Pintxoviño: Taquiño de atún
- A Gramola: Brioche de carrilleira
- Bar Karma: Tortilla Kármica (vegana)
- Tabula Rasa: Viva México... Gambones!
- A Fervella: Ensaladilla de polbo
- La Buena Vida: Tapita churraskiña con tapas lokas
- Adega dos Avós: Tortilla de polbo
- La Culpa de la Gula: Bolo de vento de txangurro con crema de wakame, fideos fritos e katsuobushi
- Gumer: Canelóns de xarrete de vaca galega
- Bocarte: Ovella que bala...
- Meu e Teu: Fazulas en salsa de mencía
- El Cafetín (La Gastroteca): VacaLao 'Do cru ao cocinao'
- Café Central: Delicia galega
- Soulbeer: Ínfulas de pataca ao medio polo
- Lulo Gastrogrill: Mini bourbon BBQ burger
- Casa Verdún: Gofre de outono
- Sirius Bar: Burger sirius
- Padal da Santiña: Morde millo e Porrogreen
- Cre-Cottê: Bocadito crujiente de langostino
- Icewolf: Momos de cocido galego en caldo dashi
- Pontegrill: Celta caribeño
- Cafetería Sonata: Novembro salgado
Pontedetapas estreará este ano un novo sistema de votación dixital, no que as puntuacións de cada tapa se realizarán a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local.
O concurso concederá galardóns en dúas categorías: a de Mellor Tapa Creativa, na que se ponderarán valores gastronómicos como a innovación, a técnica, a presentación e a orixinalidade; e a de Mellor Tapa Tradicional, valorando as receitas tradicionais, a utilización de produtos de proximidade e a identidade gastronómica galega.
Haberá dous premios para cada categoría e o primeiro premio do público na categoría de Tapa Creativa terá o recoñecemento de Tapa de Pontevedra, o que lle permitirá representar á cidade na final do #deTapasxGalicia, o certame organizado pola Axencia de Turismo de Galicia, no que competirán as tapas gañadoras dos concursos de tapas das sete cidades.
Relacionadas:
-
Non haberá Pontedetapas ata 2024: "Non temos tempo nin recursos suficientes"
Por Alejandro Espiño |
-
A fianza na hostalería pontevedresa, un recurso para acabar coas espantadas e cancelacións de última hora
Por Manu Otero |
-
Rubén González (El Cafetín) buscará o 21 de marzo revalidar o título de mellor cociñeiro de tapas de Galicia
Por Redacción |
-
O 'vacalao' de El Cafetín e os canalóns de xarrete do Gumer, gañadores de Pontedetapas
Por Redacción |
-
Volve PontedeTapas para incentivar a hostalería na tempada previa ao Nadal
Por Mónica Patxot & María José Pita |