Volve PontedeTapas para incentivar a hostalería na tempada previa ao Nadal
Por Mónica Patxot & María José Pita
Despois de dous anos de pandemia, o certame de tapas de Pontevedra PontedeTapas regresa ao calendario gastronómico da cidade.
O certame desenvolverase desde o 24 de novembro e o 4 de decembro. Os locais hostaleiros participantes ofrecerán tapas a un prezo fixado de 4 euros e os clientes poderán votar por elas online, tras escanear o código QR do establecemento.
A edición de 2022 de PontedeTapas está organizada pola asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo. Este martes, a concelleira Yoya Blanco e o presidente dos Hostaleiros, Daniel Lorenzo, presentaban no Gastroespazo do Mercado de Abastos as bases que rexerán o concurso.
Poderán participar todos os establecementos hostaleiros do municipio de Pontevedra, previa inscrición ata o domingo 13 de novembro no formulario dixital habilitado na web de Capital Gastro, onde tamén se recollen as bases. Co obxectivo de apoiar ao sector, a cota de inscrición, que en edicións anteriores estaba fixada en 60 euros, será de balde e financiada integramente pola Concellería de Promoción Económica e Turismo.
A edil socialista Yoya Blanco destacaba que con esta acción se busca apoiar ao sector hostaleiro nun mes, o de novembro, especialmente complicado e de transición antes das celebracións de Nadal. Precisamente o presidente dos hostaleiros aludía tanto á tempada do ano como a outra dos atrancos aos que se enfrontan os negocios: a suba dos prezos das materias primas e, especialmente, da enerxía.
Daniel Lorenzo afirmaba que PontedeTapas chega nun momento complicado e este incentivo "pode facer que as contas a final de mes sexan mellores". Neste sentido, animaba a que os pontevedreses e visitantes se acheguen a degustar as tapas entre semana, "porque ao haber menos carga de traballo poderemos darlles mellor servizo" e así tamén se fomenta o consumo fóra da fin de semana.
Para adaptarse á actividade da hostalería, durante os días do certame o horario de servizo de petiscos e tapas será libre, pero coa condición de que os establecementos teñan este horario visible ao público e o especifiquen no momento da inscrición.
Establécense dúas categorías: Tapa Creativa e Tapa Tradicional. Para decidir a mellor tapa creativa terase en conta a innovación, técnica, presentación e orixinalidade da proposta. En canto da mellor tapa tradicional, valorarase o uso das receitas tradicionais, do produto de proximidade e que teña identidade gastronómica galega. O mesmo establecemento pode concursar en ambas categorías, para iso debe encher dous formularios.
Un xurado profesional, anónimo ata a entrega de premios, será o encargado de outorgar un primeiro e segundo premio para a categoría creativa, e un primeiro e segundo premio para a categoría tradicional.
En canto ás votacións do público, establécense para os locais dous premios, primeiro e segundo, para cada categoría, que consistirá nunha placa de recoñecemento da posición conseguida.
O establecemento que acade o primeiro premio do público na categoría de Tapa Creativa terá o recoñecemento de "Tapa de Pontevedra" e representará á cidade na final #deTapasxGalicia, o certame organizado pola Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia na que compiten as tapas gañadoras dos distintos concursos de tapas das sete cidades de Galicia.
Para promocionar o certame entre a cidadanía e outros concellos, realizarase material promocional como carteis, folletos e publicidade na rúa. Os establecementos participantes deberán comprometerse a ter visibles os carteis e folletos no local.
Así mesmo, farase unha fotografía profesional de cada tapa para o folleto e a súa promoción en redes sociais e prensa. Os participantes comprométense a que a presentación do petisco ou tapa que aparece na fotografía sexa a mesma que desfrutará o público cando os consuma. Para os vindeiros días 14 e 15 de novembro, no Gastroespazo do Mercado de Abastos a organización porá a disposición de todos os establecementos inscritos unha estación de fotografía profesional, en horario de mañá e tarde, e habilitarase un lugar para a montaxe da tapa.
Relacionadas:
-
Pontedetapas anima de novo os fogóns da hostalería local
Por Redacción |
-
Pontedetapas trasládase a despois do Nadal e no seu lugar fomentarase o 'tempraneo'
Por Redacción |
-
En novembro... de tapas por Pontevedra: volve Pontedetapas
Por Alejandro Espiño |
-
El Cafetín, sen rival en Pontedetapas
Por Redacción |