A fianza na hostalería pontevedresa, un recurso para acabar coas espantadas e cancelacións de última hora
Por Manu Otero
Unha persoa reserva unha mesa nun restaurante para once, chega o día e o grupo non aparece. O hostaleiro, estrañado, chama ao cliente para saber que pasou. "Síntoo, esquecino", arguementa o consumidor. O empresario, irritado, compárteo en redes sociais e estala o debate: Hai que cobrar fianza por reservar?
Na hostalería pontevedresa non existe un pensamento único. Recoñecen que este tipo de problemas existe, pero no centro histórico é algo "residual". Con todo, advirten que existe unha mala práctica máis común por parte dos comensais que adoita darse en tempada alta, que é a cancelación de grandes reservas a última hora.
"Se a reserva custa un diñeiro, xa o pensas máis antes de reservar. É unha medida para acabar con estas prácticas", suxire Xosé Cannas, propietario do restaurante Pepe Vieira en Raxó e da taberna A Ultramar no centro de Pontevedra. Con todo, o funcionamento do sector na Boa Vila, cunha ampla rotación de mesas e unha elevada oferta, fai que moitos empresarios recelen de adoptar esta medida. "A fianza en Pontevedra é imposible por como funciona a cidade", defende Francesco Iannelli, de Il Piccolo.
Neste restaurante italiano sofren habitualmente este tipo de problemas e a solución que atoparon foi a de "dar 15 minutos de cortesía". Se nese período o cliente nin aparece nin avisa, a reserva queda cancelada e entregan a mesa a outro comensal. "Se se atrasan chamamos para preguntar e ao estar nunha zona onde hai movemento, adoitamos aproveitar a mesa. Pero se é algunha de última hora pódela perder e conleva perdas", puntualiza Edén Abal, xerente da Estafeta.
Pero ese remedio non sempre funciona. "Moitas veces son grupos de 7 ou 14 persoas e pasa en tempadas de moito traballo, se pechamos a reserva perdemos unha mesa para outro cliente", sinala Iannelli poñendo como exemplo o Día da Nai. "Resérvannos con moita antelación e ese mesmo día pola mañá, chaman para cancelar", ilustra pedindo un pouco máis de empatía e comprensión aos consumidores.
Outra solución pasa por "dixitalizar" e facilitarlle as cousas ao cliente, propón Sergio García, do Icewolf. "Nós temos un xestor de reservas en liña que facilita moito as cousas porque o cliente non ten que chamar e pode reservar ou cancelar pola aplicación", explica o hostaleiro en cuxo local case nunca sofren este tipo de inconvenientes.
"A xente non se dá conta que nos xera un grave problema porque temos que comprar xénero ou contratar persoal", sinala Cannas, firme defensor de cobrar fianzas pola reserva. En Pepe Vieira piden o anticipo do 50 % da consumición e dan unha marxe de 48 horas para cancelar desde hai anos e na Ultramar só fano para grandes grupos. "É como un billete de avión ou unha entrada de cinema, senón vas perdes o diñeiro", compara o empresario.
Esta conduta dos clientes empezou a ir a máis desde o estalido da pandemia, cando reservar unha mesa nun restaurante comezou a converterse en misión case imposible pola redución de aforos. "A xente colleu por costume reservar en varios sitios e a última hora decidir a cal vai. E ocorre máis en épocas turísticas", coincide Cannas co resto de hostaleiros da cidade, que apelan á educación e empatía da clientela.
Relacionadas:
-
As compras nos comercios de Marín polo Día da Nai terán como regalo unha foto para toda a vida
Por Redacción |
-
Comerciantes e hostaleiros rebélanse contra a decisión "arbitraria e insolidaria" de atrasar as luces de Nadal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontedetapas anima de novo os fogóns da hostalería local
Por Redacción |
-
A hostalería palia a falta de xeo coa compra de máquinas para fabricar cubitos
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
A voracidade de pombas e gaivotas provoca ata 1.000 euros de gasto ao mes en vaixela á hostalería de Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot |