A renovación integral da Escola de Música de Cerdedo pronto será unha realidade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade contará cunha renovada e mellorada Escola de Música tras a firma dun convenio entre o alcalde do municipio, Jorge Cubela, e a Consellería de Medio Ambiente.
Será precisamente o órgano da Xunta o que financiará, con cargo ao Fondo de Cooperación, esta obra para a que está previsto un orzamento inicial duns 77.000 euros. Esta subvención está enmarcada dentro da liña de axudas a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vencellados á prestación de servizos municipais.
A actuación na Escola de Música consistirá no revestimento dunha das fachadas con sistema de aillamento térmico exterior (SATE) para corrixir problemas de humidades existentes na zona do aseo e contigua, a urbanización do espazo de acceso cun cambio no pavimento por un de formigón pulido e a creación dun vestíbulo de entrada entre as dúas aulas con estrutura metálica, cuberta de panel sandwich con falso teito de virutas de madeira, fachada acristalada con carpintería de madeira e chan de formigón pulido, segundo o proxecto redactado pola arquitecta local Mercedes Fernández Díaz.
De acordo cos responsables formativos da Escola de Música, unirán as dúas aulas situadas na planta baixa demolendo o tabique transversal que as separa e o do corredor para crear unha gran aula de ensaio. Ademais, aproveitarán as obras para substituír elementos xa existentes como as xanelas, que as cambiarán por outras con maior aillamento térmico e acústico, colocarán unha tarima flotante sobre o pavimento existente na aula resultante en planta baixa e nas aulas situadas na planta superior e reformarán o aseo situado na zona onde están as aulas na primeira planta demolendo un tabique e substituíndo os dous sanitarios por un só.
A remodelación deste edificio, segundo Cubela, "é unha prioridade para nós debido á importancia que ten que os nosos nenos e nenas poidan aprender a tocar un instrumento coas comodidades e as infraestruturas axeitadas para facelo. A educación é fundamental e para nós a aprendizaxe musical é unha aposta constante non só nesta disciplina senón en tódalas manifestacións artísticas e musicais que se impulsan desde a veciñanza no noso municipio".
Relacionadas:
-
Sae a contratación pública a mellora integral da Escola de Música de Cerdedo por máis de 71.000 euros
Por Redacción |
-
4.386.610 euros, cifra récord no orzamento de Cerdedo-Cotobade que se debaterá este mes
Por Redacción |
-
As Bandas de Música de Cerdedo xa contan coa súa propia praza
Por Redacción |
-
A Unión Musical de Tenorio edita un disco conmemorativo polos 35 anos da banda
Por Redacción |
-
A Banda de Música de Tenorio estrea local
Por Redacción |