O Porto Deportivo Juan Carlos I busca ser sede de grandes eventos náutico-deportivos
Por Redacción
Sanxenxo quere converter o Porto Deportivo Juan Carlos I en sede de grandes eventos náutico-deportivos "tendo en conta que contamos xa cunha ampla experiencia ao albergar a base de operacións da saída da Volvo Ocean Race en 2005, entre outras, e que dispoñemos dunhas instalacións de primeira categoría que complementan as excelentes condicións para a navegación de nosas rías".
Así o destacou a alcaldesa da localidade, Catalina González, que se atopa estes días en París para manter diversos encontros con organizadores de probas de vela deportiva de alto nivel, como é o caso do director da prestixiosa regata a 'Solitaire du Figaro', Pierre Bogic. "Iniciamos conversacións para estudar a posibilidade de que Sanxenxo participe en futuras edicións desta importante proba", comentou a rexedora.
No marco do Salón Nautique a alcaldesa entrevistouse con medios de comunicación especializados nos que "queremos ter presenza para promocionar o porto e a marca Sanxenxo entre o público francés, que nos interesa como visitante e que ten moita afección á vela". De feito, o número de decembro da revista Voiles et Voiliers, a máis importante do sector en Francia, inclúe unha reportaxe de dúas páxinas sobre o municipio e a súa mariña.
Nauta Sanxenxo e Turismo de Sanxenxo están representados no Salon Nautique de París, que se desenvolve ata o vindeiro domingo en Porte de Versailles, a través de Turgalicia e de Portos de Galicia, que dispoñen dun stand propio nesta feira internacional.
As numerosas persoas que se achegan cada día a este espazo atopan amplía información sobre os servizos que ofrece o Porto Deportivo Juan Carlos I, as tarifas, os prezos do aluguer dos amarres, da estancia en varadeiro ou dos tránsitos, entre outras cuestións de interese para os potenciais usuarios, así como diferente material promocional do destino turístico.
Relacionadas:
-
Presentan en Sanxenxo o paso pola vila da regata Solitaire du Figaro
Por Redacción |
-
Sanxenxo acollerá en xuño o final da primeira etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro
Por Redacción |
-
Un final de etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro de vela, obxectivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo publicítase en Francia no salón náutico Gran Pavois de La Rochelle
Por Redacción |