Condenados cinco homes por trapichear desde unha pensión de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra condenou en sentenza firme a cinco homes por delitos contra a saúde pública.
No banco dos acusados sentáronse catro dos procesados e o quinto interveu por videoconferencia desde o cárcere da Lama onde se atopa preso.
Todos eles recoñeceron que convivían nunha habitación dunha pensión de Pontevedra, na que a Policía Local lles sorprendeu, en agosto de 2020, vendendo pequenas cantidades de cocaína e heroína.
A vista oral non chegou a celebrarse ao alcanzar a Fiscalía e os avogados da defensa un acordo de conformidade.
Os acusados admitiron a autoría dos feitos e a cambio o Ministerio Público rebaixou a súa petición de penas que inicialmente era, para cada un dos cinco acusados, de tres anos de prisión e multa de 200 euros con dous días de privación de liberdade en caso de falta de pagamento.
En virtude deste acordo, cada un destes cinco homes é condenado a 1 ano, seis meses e un día de prisión, con multas que oscilan entre os 103 e os 30 euros, aínda que algún dos procesados alegou ante o tribunal que non poderá pagar a multa por ser insolvente.
Tamén se tivo en conta a circunstancia atenuante de drogadicción que concorre en case todos eles.
A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.